Nun mercado tan competitivo como o turístico, toda iniciativa é boa, e máis se ten en conta novas formas de comunicación, como é a crecente importancia dos influencers, como prescritores de destinos turísticos. Nesta liña está a nova campaña presentada polo concello de Monforte, baixo o lema “Monforte de Lemos. Capital da Ribeira Sacra”, que estará protagonizada por 6 dos influencers máis destacados na creación de contidos en redes sociais relacionados con ocio, turismo, viaxes e gastronomía. “Teñen unha comunidade moi numerosa de persoas, que día a día toma nota dos seus plans, dos lugares que visitan ou dos sitios nos que comen” destacou José Tomé.
Os 6 influencers protagonistas desta campaña suman 1 millón de seguidores: Hugo Pérez (a través da súa conta en Instagram), Patricia García de Donkeycool, Fany de Engaliciamorate, Saray Rodríguez de Sen Paraxe, Alberto de Alvientooo e Elena Peregrina de mi.maleta.azul.
MOITA VISIBILIDADE
Ademais das accións que levarán a cabo os 6 influencers nas súas redes sociais, a campaña tamén conta con diversos elementos de visibilidade nas rúas da cidade do Cabe así como nas principais zonas turísticas de Galicia. Na Coruña, en Vigo, en Pontevedra e noutros puntos das Rías Baixas esta campaña terá presenza, durante este verán, con elementos de visibilidade coma vallas, lonas, autobuses ou cubos publicitarios.•