A publicación amosa 83 ortofotos históricas e actuais para ver os cambios da paisaxe destes roteiros nos últimos 50 anos
Dende este mes de xullo, xa se pode consultar de balde a versión en liña do Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos, un documento que foi publicado en formato papel no ano 2022. A obra recolle un total de 83 ortofotos históricas e actuais que permiten comprobar a evolución da paisaxe pola que discorren as diferentes rutas xacobeas ao longo dos últimos 50 anos.
A VERSIÓN EN LIÑA COMPLÉTASE CON PRETO DE 250 FOTOS EN 65 CAPÍTULOS
O libro dixital, ademais, inclúe 241 fotografías nun volume de 770 páxinas agrupadas en 65 capítulos, unha por cada etapa das nove rutas seleccionada: o Camiño de Inverno; a Vía da Prata; o Camiño portugués; a Ruta do mar de Arousa e río Ulla; o Camiño Inglés, o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo, o Camiño Francés e o Camiño de Fisterra e Muxía.
DOCUMENTO EN TRES IDIOMAS
Todos os documentos gráficos preséntanse en alta calidade nunha narración a catro páxinas e en tres idiomas (galego, castelán e inglés) que, grazas ao fío condutor do Camiño de Santiago, permite coñecer as diferentes paisaxes galegas tanto naturais como construídas.
FOMENTAR O COÑECEMENTO DA PAISAXE, A SÚA CONSERVACIÓN E A CULTURA DO “FERMOSISMO”
Esta obra foi elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, organismo dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no marco da chamada Colección Paisaxe Galega.
A colección inclúe unha serie de publicacións que teñen como obxectivo dar a coñecer as distintas formas de paisaxe existentes en Galicia, fomentando a adopción de boas prácticas enfocadas á súa conservación e ao impulso da cultura do fermosismo. Ademais, segundo destacan dende a Xunta, os Camiños de Santiago constitúen un dos mellores escaparates de Galicia, xa que permiten, tanto á poboación local como aos visitantes, un achegamento moi preciso e significativo ás diferentes realidades que nutren, a través das paisaxes, a identidade territorial de Galicia. .•