As redes de saneamento das cidades adoitan ser grandes esquecidas cando cada ano decídense os orzamentos de investimento, pois as melloras nestes sistemas non son visibles a primeira ollada, e normalmente prefírese apostar por intervencións doutra natureza. Isto levou a que en termos xerais, as redes de saneamento, non estean ben conservadas, e prodúzanse verteduras incontroladas, malos cheiros, filtracións, e todo tipo de incidencias no seu mantemento. É por iso, que debemos considerar unha boa noticia para os veciños de Monforte que desde o Concello e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil puxéranse xa en marcha as obras de mellora na rede de saneamento urbano de Monforte, correspondentes ó proxecto de actuacións que o organismo de conca executará en varios colectores da cidade, en concreto, na galería baixo a Praza da Compañía e na rúa Carude, no colector das Malloadas e rúa Concepción Arenal, na rúa Rosalía de Castro e no Morín, na rúa Doutor Casares e na prolongación de Xoan Montes.
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, durante o acto de inicio destes traballos, no que estivo acompañado polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga destacou que “hoxe é un días moi importante para Monforte porque iniciamos o Proxecto Construtivo de melloras na rede de saneamento da cidade cunha inversión próxima ós 1,8 millóns de euros”.
As actuacións están cofinanciadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que aporta o 80% da inversión, e polo Concello de Monforte, con unha porcentaxe do 20%.
Con estes traballos, tal e como explicou José Tomé, “vanse a subsanar as infiltracións que sobrecargan a rede e os alivios de augas residuais e abórdase tamén nesta mesma actuación, a mellora da rede de saneamento de varias rúas , por estar en mal estado na maioría dos tramos, causando un funcionamento deficiente”.
No Pleno da Corporación municipal celebrado o pasado 27 de febreiro de 2023, foi aprobado o Proxecto Construtivo correspondente a estas actuacións. Previamente realizouse unha análise do estado da rede e a EDAR actuais, modelizando o seu comportamento en tempo seco e de choiva co obxecto de detectar as súas deficiencias, problemática e necesidades para chegar a conclusións que permitisen establecer unhas liñas xerais de actuación para mellorar o funcionamento global do sistema de saneamento e depuración do municipio monfortino. Estes estudos propuxeron a execución de varias actuacións de mellora nas infraestruturas existentes e foron integramente trasladadas ó Programa de Redución da Contaminación (PRC) redactado polo Concello de Monforte.
Todas estas actuacións teñen como obxectivos, por un lado, a redución de augas brancas que se incorporan á rede de forma irregular por deficiencias construtivas e do estado de conservación dos pozos e dos colectores e por outro, levar a cabo reparacións estruturais da rede nas rúas que precisan dunha intervención mais urxente.
Este proxecto ven a continuar coa labor de mellora no mal estado da rede de saneamento de Monforte, despois das melloras realizadas, nunha primeira fase, nas rúas Santa Clara, A Veiga, Chantada, Juan Montes e Padre Feijoó.
“Estamos a falar dunha inversión total nestes 3 últimos anos de case 4.000.000 € co obxectivo de mellorar o mal estado da rede secundaria, a eliminación de infiltracións e das entradas incontroladas de augas limpas que producen saturación na EDAR, así como a mellora da rede xeral que co desdobramento garantirá que a cidade non poida quedarse sen subministro de auga” salientou José Tomé.
O Alcalde e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, amosáronse “satisfeitos que dean comezo estas obras na mellora do saneamento, que son moi importantes na rede de subministro, un proxecto de vital importancia para a cidade e que os cidadáns levan esperando dende fai moitos anos. Temos que lembrar que xa a Xunta no ano 2013 emitiu un estudo demoledor no que se sinalaban graves problemas na rede. Pese a todo, esta, seguiu sen arranxarse e dez anos despois, faise un gran esforzo tanto económico como loxístico, para mellorar de forma moi significativa a rede de distribución da auga, sen que participe a Xunta de Galicia”.
Tomé asegurou que “é a primeira vez na historia da cidade, que se acomete un plan de acción desta envergadura e importancia”, e amosouse “tremendamente satisfeito de poder aportar as solucións aos problemas de subministro que tantas veces reclamou cando aínda non estaba no goberno”.•