Aumentando en 164.846 m2 a súa superficie actual, logo da cesión gratuíta das parcelas propiedade da Deputación Provincial
Dende o Concello de Monforte, o seu Alcalde José Tomé Roca, vén de presentar un novo proxecto que suporá a ampliación en 164.846 m2 da superficie actual do Polígono do Reboredo, case 16,5 hectáreas, “o que supón un incremento do 44,50% da superficie do actual, é dicir, case aumenta a metade, dado que o actual ten unha superficie aproximada de 370.600 m2” sinalou o Alcalde. A ampliación do polígono industrial levarase a cabo pola parte noreste, incluíndo algunha parcela máis que se adquirirá neste procedemento para completar a superficie urbanizable sinalada de 164.846 m2.
Neste senso, o Alcalde José Tomé Roca, explicou que, o resultado da promoción e mellora constantes levadas a cabo dende o Concello desde o ano 2015, foi que “se venderan moitas parcelas, a tal punto que están todas vendidas e polo tanto, cunha proxección de que a medio prazo, o polígono existente terá todas as parcelas edificadas dentro da edificabilidade permitida legalmente”.
Deste xeito, o “éxito de promoción e venta das parcelas existentes, levou ó Concello a solicitar á Deputación Provincial de Lugo a cesión das parcelas que comprara no seu día para que se implantase Pacadar, e que o Concello non permitiu a través dun informe do anterior Alcalde, dicindo que non se podían depurar as augas residuais desa empresa, e por iso non se puido instalar”.
Logo desta cesión de terreos, para destinalos a fins industriais, o Alcalde explicou que dende o Equipo de Goberno convocouse o concurso para a “Redacción da Modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento e do Plan Parcial do Polígono Industrial do Reboredo”, co obxecto de comezar a dar os pasos necesarios para a súa ampliación. Dito concurso foi adxudicado á empresa “Oficina de Planeamento, S.A.”, por un importe de 204.490 €, sendo asinado o contrato, o día 13 de decembro de 2022. O Alcalde lembrou a aposta dedicida do Equipo de Goberno monfortino por esta polígono empresarial do Reboredo, o que tradúcese nas inversións realizadas no período 2016-2022, que superan o 1,1M€ (concretamente, 1.108.949,26 €).
E recentemente, o Alcalde tamén anunciou unha inversión de preto de 5.000.000 € para unha nova depuradora no Polígono.
O éxito do polígono tradúcese no interese crecente de empresas por implantarse no mesmo, grazas á promoción que ven facendo o Concello nos últimos anos, como o caso anunciado da farmacéutica KernPharma, que construirá unha planta de produtos inxectables, cun investimento de máis de 60M€ e con máis de 100 empregos, ou a ampliación e mellora das instalacións da empresa de produtos lácteos Oviganic Ibérica, e novos proxectos industriais que están en fase de anteproxecto.•