O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades dá conta das principais accións en materia educativa

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presidiu a reunión do Consello Escolar de Galicia. Foto GPXG.

A loita contra o abandono escolar, o afianzamento da igualdade de oportunidades, do bo clima nas aulas e da inclusión e o impulso innovador e estratéxico da Formación Profesional son os principais retos do sistema educativo galego que o Goberno da Xunta se marca para o novo curso escolar.
Na semana de regreso ás aulas, o conselleiro, debullou as principais accións en marcha neste ámbito co fin de asegurar a máxima normalidade no arranque lectivo do curso, que supuxo a incorporación ás aulas dun total de 311.823 alumnos de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato en centros públicos, concertados e privados.
Román Rodríguez salientou que en Galicia, “co actual sistema de organización de rateos e de horarios, temos un dos mellores sistemas educativos á vangarda España e somos homologables e incluso superarmos algunhas rexións europeas”, tal e como o avalan últimos informes estatais así como o informe PISA.
“Un sistema -engadiu- que se fundamenta na clave de bóveda do traballo dos profesores, da súa formación, implicación e motivación”, así como na “estabilidade” dos programas educativos específicos asentados desde hai anos “e na boa acollida dos mesmos” por parte dos docentes e dos equipos directivos dos centros. Non obstante, pese a este contexto de partida favorable, o titular de Educación avoga por seguir traballando de xeito especial nos eidos da calidade, a equidade, a igualdade de oportunidades e os valores.
Así pois, aínda que Galicia está en mínimos históricos de abandono escolar, Román Rodríguez amosou a firme aposta por loitar contra esta situación, xa que “non hai nada máis inxusto que un mozo saia á rúa sen ningún tipo de formación, porque iso vai condicionar o resto do seu itinerario vital”.
Fixo especial fincapé, ademais, en avanzar no bo clima de convivencia nas aulas, atendendo ao benestar emocional e con programas específicos para aqueles alumnos que máis o precisen de xeito que se garanta a máxima inclusión posible. “É certo que somos a comunidade autónoma máis inclusiva do Estado, co maior número de nenos con necesidades integrados en aulas ordinarias”, cuestión que, segundo explicou, é posible “grazas ao reforzo importante de medios, con arredor de 4.000 profesionais de atención nas escolas, aínda que nunca nos podemos dar por satisfeitos”, abondou.

FORMACIÓN PROFESIONAL
Sobre a Formación Profesional, á espera do peche definitivo de matrícula nas próximas semanas, Román Rodríguez asegura que os datos dispoñibles ata o momento “van na boa liña”, tendo en conta a cifra récord de 60.000 matriculados acadada o pasado curso.
O titular de Educación reiterou sentirse “tremendamente orgulloso” polo bo traballo que se está a realizar desde os centros no eido da FP “cun profesorado moi motivado e involucrado, cunha aposta pola mellora tecnolóxica e de innovación por parte da Administración e cunha enorme confianza por parte do mundo empresarial”. Este traballo en equipo fai que a FP galega se sitúe na vangarda do estado en programas específicos como a modalidade dual, os ciclos dobres, a introdución do plurilingüismo ou os módulos formativos individualizados “que o Goberno do Estado introduciu agora a través da nova Lei de FP e que en Galicia levamos anos implementando”, lembrou.

MÁIS AXUDAS
Ante o contexto xeneralizado de inflación e suba de prezos, Román Rodríguez defendeu o sistema actual de axudas ás familias por ser “o máis xusto e equitativo, xa que apoia a quen máis o precisa”. Trátase dun sistema baseado en tres piares que son axudas directas ás familias para mercar libros naqueles cursos onde non se poden utilizar así como para adquirir material escolar, o banco de libros e o libro dixital. Este curso, froito do reforzo de 26M€ para este fin -o dobre que o que se destinaba antes da pandemia-, o 70% das familias galegas contan con algún tipo de axuda. Ademais, debido ao incremento da partida orzamentaria a tal fin, este curso 130.000 estudantes reciben este ano o bono de material escolar. Román Rodríguez sinalou que a Xunta tivo que mercar 350.000 novos libros para dotar os fondos dos centros de novos manuais, “unha circunstancia imposta polo Goberno do Estado que, de xeito unilateral, modificou os currículos e, como consecuencia, tivemos que renovar os libros, sen que nos aportaran nin un só recurso extraordinario”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Pobra do Brollón, capital do ciclismo galego, acolle as dúas primeiras etapas da Volta a Galicia

Seguinte Nova

Monforte mellora a súa rede de saneamento urbano cun investimento de 1,8 millóns de euros

Últimas noticias sobre EDUCACIÓN

Ir aInicio

Don't Miss