Situarase na marxe dereita do río Cabe, nos terreos delimitados pola estrada de Monforte a Lugo, pola Pista do Canal de regadío

Moitos comentarios e polémicas levantouse á conta do anuncio feito polo Alcalde de Monforte José Tomé Roca, a poucos días da celebración de eleccións, da posta en marcha dos trámites para crear en Monforte unha área recreativa e unha praia fluvial sen parangón en Galicia, aínda que entón non descubría o lugar no que se situaría. Presentábase entón como un proxecto moi ambicioso que tería previsiblemente un custo superior aos 5 millóns de euros, pero quedabamos coas ganas de coñecer a súa localización. Algúns especulaban con Vilanova, outros coa zona de Carud, pero non foron moitos os que apostaban pola que zona de Ribasaltas, que agora se descobre, como o lugar elixido para esta instalación.
Foi O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luis Losada, o que revelou a pasada semana a ubicación seleccionada para esta destacada infraestrutura, que será a Parroquia de Ribasaltas, na zona coñecida como A Lama, situada na marxe dereita do río Cabe. Este emprazamento estratéxico estará delimitado pola estrada de Monforte a Lugo, a Pista do Canal de regadío, un camiño público que a separará das fincas privadas e, por suposto, o propio río Cabe.
José Tomé explicou as razóns que fan desta ubicación a elección perfecta: «Despois de analizar moitas posibles ubicacións, chegamos á conclusión de que este é o sitio axeitado, debido á configuración do río Cabe, á amplitude de espazos, ás boas comunicacións, á regularidade do solo, á proximidade dos servizos, á área recreativa xa existente, á posibilidade de aproveitar parte das árbores xa existentes para sombra, á amplitude para estacionamento, á posibilidade de construír paseos de máis de 2 km., a que ó situarse antes do seu paso pola cidade, non hai vertidos ó río, xa que sitúase moi preto do Azud onde se toma a auga de abastecemento para potabilizar e que consumimos todos os monfortinos, e finalmente, a que a presa desmontable que é necesario construír, sitúase nunha zona de fácil acceso para o seu manexo».
Este proxecto, promovido polo Concello de Monforte, abranguerá unha impresionante superficie de máis de 116.000 m2, que equivalen a 11,6 hectáreas. Aínda que o custo estimado de 5.023.818,08€ pode variar durante a redacción do proxecto construtivo, o rexedor subliñou a súa importancia e significado para a comunidade.
O proxecto en si consta de múltiples áreas de lecer e descanso, con características diversas e polivalentes, deseñadas para satisfacer as preferencias variadas dos visitantes e usuarios. Trátase dunha dotación complexa e completa que, tal como explicou o Alcalde, «vai facer realidade unha aspiración de todos os monfortinos e que ata o de agora ninguén acometera».
José Tomé tamén anticipou que «proximamente será licitada a redacción do Plan Especial, que aprobará en breve a Xunta de Goberno, na que se aprobarán as bases técnicas e administrativas que van rexer o concurso». Este ambicioso proxecto require a aprobación de dous permisos, un da Confederación Hidrográfica e outro da Xunta de Galicia, pero o rexedor está decidido a que se concrete durante o seu mandato, sempre e cando as demais administracións involucradas colaboren.
José Tomé concluíu a rolda de prensa destacando o compromiso do Concello para facer realidade esta aspiración compartida por todos os monfortinos e monfortinas, remarcando que, a pesar das palabras, eles están tomando acción para facelo realidade.
En primeiro lugar, construción dun Azud desmontable co fin de elevar a cota da lámina de auga do rio para facilitar o baño proxectarase a construción dunha presa desmontable de aceiro sobre base de formigón con unha altura aproximada sobre a cimentación de 1,20 metros. Este Azud estará en servicio dende a primavera ata outono e retirarase na época de choivas para evitar posibles inundacións, aínda que o espazo público estará aberto todo o ano.
Construirase unha praia fluvial cunha superficie de área que supera os 14.000 m2 1,4 hectáreas que terá unha fachada ao río de 280 m de largo e un ancho aproximado de 50 m. Terá varios accesos á zona de baño para poder entrar e saír da auga.
O proxecto inclúe tamén zonas verdes con céspede e pradeira, accesos e aparcamientos para vehículos, paseos peonís, parque infantil, unha edificación para usos hosteleiross e aseos públicos, outro edificio para almacén, e todo entorno terá un peche perimetral e un camiño exterior. Ademáis dotarse a instalación de mobiliario urbano e crearase un punto de produción de enerxía eléctrica mediante paneis solares fotovoltaicos que se conectarán á rede do complexo e proporcionarán unha boa parte da enerxía eléctrica que se consuma.•