Por Gonzalo L. Torres
O pasado venres tivo lugar no Ateneo Casino de Monforte, un momento máxico, dos que non se dan frecuentemente, no que a arte, a poesía, a pintura e o cinema, xuntáronse de forma fluída baixo o influxo dun artista total como é Antón Patiño, e foi imposible para os que tivemos o privilexio de asistir ao feitizo, evadirnos da atmosfera de emoción e de verdade que se creou. A idea era presentar o seu Libro dous lugares 2, un traballo grandioso, de Antón, que ben merecía a presenza de Olga Novo na presentación, quen fixo unha brillante intervención, á vez que ofrecíalle como agasallo ao pintor monfortino, unha pegada de garza selada en escaiola, que a propia poeta preparou nunha das lagoas que noutro tempo máis afastado serviron de fantasía a Patiño. Soñaba con ser unha garza e voar, e a boa fe que o conseguiu. Tamén se aproveitou o encontro para que Alberto Avendaño, arrastrásenos ao seu caósmico universo particular, cunha intervención histriónica e xenial, para dar a coñecer o seu libro Caosmos, ilustrado polo propio Patiño. Bueno Carallo bueno, repetimos a un tempo os presentes. E ao final, a guinda púxoa Lois Patiño, o fillo de Antón e Menchu Lamas, que tamén estiveron presentes neste aquielarre emocional, como algúns dos amigos monfortinos de Antón, incluíndo a Jose Manuel Pereiro. Presentounos Lois a súa curtametraxe Jogo Cruzado, un onírico homenaxe á figura artística e persoal dos seus pais. A velada converteuse nun baño de bágoas, cando o propio Lois, imaxinábase vendo a súa obra cando os seus pais xa non estean. Pero eso será dentro de moito tempo. Emocionante, verdadeiro, lúcido. Grazas Severino por obrigarme a lembrar que os milagres aínda poden ocorrer.