A sociedade estatal Suelo Empresarial do Atlántico (SEA) anunciou recentemente un importante paso para duplicar a superficie actual do Polígono do Reboredo en Monforte, sumando un total de 275.000 metros cadrados adicionais de chan industrial.
No último Consello de Administración de SEA, estiveron presentes o delegado do Goberno, Pedro Blanco; o alcalde de Monforte, José Tomé; a xerente de SEA, Beatriz Sestayo; e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, para dar a coñecer este acordo que busca dotar á comarca de máis espazo industrial, despois de que este ano se esgotara o espazo dispoñible no Reboredo.
As xestións levadas a cabo tanto por parte de SEA como do Concello permitiron triplicar a ocupación do polígono nun curto período de tres anos, pasando do 20% ao 100% de chan adxudicado. A xerente de SEA sinalizou que este logro é froito dunha nova etapa «proactiva» e de implicación directa iniciada nos últimos catro anos. Beatriz Sestayo destacou que «a acción pública só ten sentido se resulta na creación de emprego, no desenvolvemento económico e no asentamento da poboación».
A ampliación do polígono está xá en marcha, coa aprobación no Consello de xuño da modificación do Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais. A previsión inicial establece que as obras poden ser licitadas nun prazo aproximado dun ano.
O actual parque empresarial, que alberga empresas como Oviganic, especializada en produtos lácteos, ou a farmacéutica Indukern, conta con máis de 30 compañías que xeran preto de 300 empregos directos, segundo as cifras proporcionadas polo sector empresarial.
Beatriz Sestayo subliñou a importancia da colaboración institucional co Concello, o que permitirá levar a cabo este novo proxecto que contribuirá ao dinamismo da comarca, non só en termos económicos e de investimento, senón tamén en canto á cohesión social e á diversificación económica.
«COMPROMISO DO GOBERNO CENTRAL»
Pedro Blanco, o delegado do Goberno en Galicia, reforzou o compromiso sólido do Goberno co desenvolvemento industrial de Galicia nun proxecto que busca abordar as necesidades empresariais dun Concello que vive un impresionante crecemento tanto industrial como turístico, converténdose nun auténtico centro de desenvolvemento na Galicia interior.
Blanco sinalou que este compromiso do Goberno busca promover a sustentabilidade, a innovación e a dixitalización, factores clave para o éxito da economía galega. A pesar dos desafíos económicos derivados da pandemia e da situación en Ucraína, destacou o impacto moi positivo das políticas progresistas do alcalde e do Concello, que contribuíron ao desenvolvemento económico da provincia.
O delegado do Goberno subliñou que Monforte ten un aliado firme no Goberno de Pedro Sánchez para continuar crecendo. Este proxecto non só potenciará o crecemento industrial, senón que tamén consolidará a comarca como un dos principais centros empresariais e económicos de Galicia.
Pedro Blanco destacou o cumprimento do Goberno de Pedro Sánchez coas demandas dos Concellos e o seu compromiso co sector industrial galego. Os fondos europeos do Plan de Recuperación comprometeron máis de 1.700 millóns de euros para este sector.
Ademais, o Goberno transferiu 4,8 millóns de euros á Xunta para mellorar a conectividade en polígonos, centros loxísticos e áreas empresariais a través do Plan Único Industria e Empresas. Este programa inclúe a expansión da banda ancha e a interconexión de instalacións, fortalecendo a conectividade en cada unha delas.
Blanco destacou que o Goberno tamén axudou a máis de 25.000 empresas e pemes galegas cun investimento de máis de 90 millóns do Plan de Recuperación para mellorar a súa competitividade e impulsar o seu crecemento.
José Tomé, o alcalde de Monforte, agradeceu o compromiso do Goberno e de SEA e destacou a diferenza substancial entre a situación anterior e a actual no polígono industrial, cunha demanda empresarial xa confirmada que apoia a ampliación. O alcalde subliñou a resposta positiva de SEA á petición.
Tomé lembrou tamén a recente cesión de terreos realizada pola Deputación, que permitirá unha ampliación adicional do polígono, sumando un total de 823.000 metros cadrados e creando un importante centro de desenvolvemento industrial para a cidade e a rexión. Este proxecto dará resposta ás demandas empresariais xa constatadas e contribuirá á consolidación de Monforte como un punto de referencia en Galicia.•