Iníciase o procedemento para a construción da nova depuradora do Polígono do Reboredo

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, revelaron os primeiros avances na construción da agardada Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) no Polígono. Estes pasos marcan o comezo dun proxecto clave para o tratamento e vertido axeitado das augas residuais da zona industrial.
O acordo de ocupación urxente dos terreos, aprobado polo Consello de Ministros en setembro, que pronto vai ser publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE), é unha peza fundamental neste proceso. Este acordo permite avanzar no proxecto que supón un importante investimento de 4,6 millóns de euros. A construción da nova EDAR, financiada maiormente pola CHMS con 3,91 millóns de euros e unha contribución do Concello de Monforte de 690.000 euros, resolverá non só as necesidades actuais de depuración, senón tamén facilitará o crecemento da zona industrial.
«Estamos a dar pasos sólidos para facer realidade esta moderna EDAR, que marcará un antes e un despois na depuración de augas residuais na nosa cidade», sinalou o alcalde José Tomé Roca.
O acordo de cooperación entre o Concello de Monforte e a CHMS, asinado en marzo deste ano, establece un cronograma que estima a entrada en funcionamento da nova EDAR en 2026. A nova infraestrutura terá capacidade para tratar ata 1.000 metros cúbicos de auga ao día, satisfazendo as necesidades dun gran número de habitantes equivalentes e poñendo fin aos problemas actuais de depuración.
Este proxecto tamén abre as portas á ampliación do Polígono Industrial do Reboredo. «O noso traballo de promoción do polígono resultou nun éxito rotundo, coa venda de todas as parcelas dispoñibles», destacou o alcalde. «Hoxe temos dous expedientes de ampliación en marcha, que nos permitirán crear un polígono de máis de 815.000 metros cadrados, multiplicando a súa capacidade actual».
José Antonio Quiroga, presidente da CHMS, sinalou que o proceso de expropiación dos terreos afectados polas obras estará rematado en cinco meses, coa previsión de adxudicar as obras a principios de 2024. A expropiación afectará a terreos de 22 propietarios, que recuperarán os seus terreos nos mesmos termos que antes da ocupación temporal. A publicación da expropiación forzosa e temporal está prevista para outubro.
A nova EDAR no Polígono do Reboredo non só mellorará a capacidade de tratamento de augas residuais, senón que tamén resolverá os problemas ambientais relacionados co regato do Carballo, beneficiando a toda a comunidade.

SITUACIÓN ACTUAL
No presente, o Polígono de Reboredo encara importantes desafíos en relación coa súa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). A infraestrutura actual, que conta cunha autorización de vertido de 720 metros cúbicos diarios, presenta obstáculos que dificultan a instalación de novas industrias nun contexto de crecemento constante. Entre os problemas que afectan á EDAR actual atopamos a súa incapacidade para garantir un tratamento axeitado en termos de cargas e caudais xerados no polígono. Ademais, a localización do punto de vertido autorizado no regato do Carballo, debido ao seu caudal limitado, ten un impacto negativo no réxime hidrolóxico e na calidade das súas augas.

Unha EDAR Moderna para un Futuro Sostible
Diante desta problemática, propónse un ambicioso proxecto para a construción dunha nova Estación Depuradora de Augas Residuais que aborde eficazmente estes desafíos e permita o crecemento futuro do polígono industrial. O proxecto contempla a demolición da EDAR actual e a construción dunha nova nunha parcela de propiedade municipal contigua á súa localización actual.
A nova EDAR estará deseñada para tratar ata 1.000 metros cúbicos diarios, converténdoa nunha infraestrutura de gran capacidade capaz de atender a 8.342 habitantes equivalentes. Ademais, realizarase a construción dun emisario que se estenderá por máis de 1,5 quilómetros dende a nova EDAR ata o río Cabe.
Un aspecto fundamental deste proxecto é a súa planificación para o futuro. A EDAR proxectada solucionará os problemas actuais e tamén ten en conta a posibilidade de futuras ampliacións. Deseñouse con dúas liñas construídas e a posibilidade de engadir un terceiro reactor biolóxico e un terceiro decantador secundario nun espazo reservado na parcela onde se constrúe. As obras teñen un orzamento de 4,2 millóns de euros e un prazo de execución de 24 meses, incluíndo tres meses de explotación.
«A nova depuradora», sinalou o José Tomé Roca, «terá capacidade para depurar o actual polígono completo e tamén as ampliacións que temos en marcha, mesmo se duplicásemos o polígono existente actualmente».
Considera o Alcalde que este proxecto representa un paso adiante para asegurar un futuro sostible e próspero para a cidade de Monforte, consolidando o seu compromiso co desenvolvemento industrial e a protección do medio ambiente.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Galicia é a primeira comunidade en dispor dunha rede pública de centros de día de Alzhéimer

Seguinte Nova

Exposición fotográfica en Pantón

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss