Un sector que na nosa comunidade ten un constante incremento na última década tanto en superficie certificada como en operadores rexistrados e facturación

En Monforte de Lemos, tivo lugar un evento especial en conmemoración do Día Europeo da Agricultura Ecolóxica, organizado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e coa participación de José Luis Cabarcos, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. No acto tamén contou coa participación do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto á primeira tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e o presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Francisco López Valladares
Nesta xornada, José Luis Cabarcos puxo de manifesto a relevancia deste sector en Galicia e destacou o crecemento constante experimentado na última década, tanto en superficie certificada (que aumentou case un 200%), como no número de operadores rexistrados (cun incremento do 148%) e na facturación (que experimentou unha suba do 385%). Segundo os datos de 2022, en Galicia a superficie certificada en agricultura ecolóxica abrangue actualmente 45.600 hectáreas, o número de operadores ecolóxicos supera os 1.500, e o valor económico estimado ronda os 113 millóns de euros.
Ademais, o director resaltou que en Galicia, os produtos lácteos e os seus derivados ocupan un lugar destacado neste ámbito produtivo, seguidos pola carne e os seus derivados, as conservas de peixe, outros produtos elaborados, así como os ovos e os seus derivados. A lista dos dez primeiros produtos amparados polo Craega complétase con produtos da acuicultura, pensos e alimentación animal, viños, licores, sidras, vinagres, froitas e aceites.
Este evento contou coa presenza de aproximadamente 430 estudantes das escolas de Monforte de Lemos, quen tiveron a oportunidade de degustar produtos ecolóxicos certificados de Galicia. Tamén se presentou o libro infantil «Os Bolechas e os alimentos ecolóxicos», que xa foi distribuído en todas as escolas e bibliotecas da comunidade, e houbo unha actuación dirixida aos máis pequenos a cargo do músico e compositor Pakolas.
Unha celebración que pon de relevo o compromiso de Galicia coa agricultura ecolóxica e a súa importancia tanto a nivel económico como medioambiental.
Rivera Capón pola súa banda, animou aos máis pequenos a plantar e traballar os seus propios alimentos, e coñecer como facelo dun xeito ecolóxico, destacando a importancia destes recursos educativos para fomentar entre os nenos e nenas o coidado do planeta e o desenvolvemento sostible.
Na súa intervención, Gloria Prada resaltou os valores que a Agricultura Ecolóxica ten na nosa sociedade, “pois os produtos do campo son fundamentais para a nosa alimentación, para comer de forma saudable, e especialmente os certificados como ecolóxicos”.
Tamén agradeceu a concelleira monfortina que o CRAEGA organizara esta xornada en Monforte, porque “contamos cun importante entorno rural, no que a agricultura é un sector fundamental dentro do noso sector primario”.
A primeira Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada tamén desexou ós nenos e nenas participantes que disfrutaran da xornada, que “aprendades moito de agricultura ecolóxica da man dos Bolechas, porque temos que darlle á agricultura certificada de calidade o valor que se merece. Espero que apreciedes o valor e o sabor que teñen estes produtos de máxima calidade procedentes do noso campo, porque todos temos algún familiar que ten hortas, e os produtos saben diferente”.•