Unha proposta que posibilitoru a preto de 80 persoas a oportunidade de mergullarse na auténtica viticultura heroica
Remataron con éxito as xornadas do Viñobús Vendima, un evento organizado polo Consorcio de Turismo que se converteu nunha experiencia imprescindible para os visitantes e amantes do viño na Ribeira Sacra. Esta experiencia, que recrea un día de vendima na zona, celebrouse en catro xornadas (16, 17, 23 e 24 de setembro) e esgotou a meirande parte das prazas en apenas unhas horas.
O Viñobús Vendima, unha clásica na programación de actividades e unha das máis demandadas durante todo o ano, ofreceu a preto de 80 persoas a oportunidade de mergullarse na viticultura heroica, unha característica fundamental da Ribeira Sacra. Esta experiencia proporcionou aos participantes, tanto adultos como nenos, unha visión en profundidade das particularidades da viticultura na zona. Tiveron a oportunidade de participar na recolección, selección e pisado das uvas, ademais de desfrutar dunha degustación de mosto, viño e produtos típicos.
A experiencia tiña un custo patrocinado de 15€ (10€ para nenos de 4 a 12 anos e gratuíto para menores de 4 anos) e estendíase durante unha media xornada. A maioría dos participantes procedía de Galicia, principalmente da provincia da Coruña, seguidos dos habitantes de Pontevedra, Lugo e Ourense. O Viñobús Vendima é unha das actividades patrocinadas grazas ao convenio de colaboración asinado coa Axencia de Turismo de Galicia para o ano 2023. A organización desta actividade serve como un medio de promoción da vendima como un atractivo turístico na zona.
Ademais do Viñobús Vendima, cada vez máis adegas ofrecen experiencias enoturísticas deseñadas para o período de vendima. Moitos grupos de amigos e familias tamén solicitan actividades de vendima á medida, o que está a impulsar un crecemento dinámico nesta área ano tras ano.
O Consorcio de Turismo está a traballar nos detalles finais para anunciar novas experiencias e datas na súa programación de outono. A organización tomou a decisión de concentrar a oferta turística na tempada baixa, buscando afondar na desestacionalización do turismo na zona, eliminando actividades patrocinadas en momentos de alta afluencia de visitantes, como a Semana Santa ou o verán. O obxectivo é promover os encantos turísticos que poden ser explorados ao longo de todo o ano no destino xeodestino da Ribeira Sacra. •