![](https://i0.wp.com/encomun.es/wp-content/uploads/2023/10/IMG_2444-OK-scaled.jpg?resize=333%2C250&ssl=1)
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, supervisaron o remate das obras de restauración e mellora da icónica igrexa de San Vicente do Pino. O Goberno de España investiu preto de 700.000 euros neste proxecto que devolve a vida a un importante patrimonio histórico da cidade. Na visita, ambos mandatarios estiveron acompañados pola Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, así como a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada. Tamén asistiron representantes eclesiásticos, incluíndo o Vicario xeral e Deán da catedral de Lugo, Mario Vázquez, o director do departamento histórico-artístico da Diócese, Jesús Álvarez, o Delegado episcopal de liturxia, relixiosidade e patrimonio histórico-artístico, José Antonio Ferreiro, e o párroco de San Vicente, Rafael Mella, así como as Camareras da Virxe.
O Alcalde de Monforte destacou a importancia deste proxecto, subliñando que «tras o inicio das obras de restauración en 2019, e tras solicitar dende o Concello unha axuda para a instalación dunha nova iluminación no templo, finalmente hoxe estamos visitando o final de obra, polo cal é un día importante para Monforte. Así, nos vindeiros días, a igrexa abrirá de novo ó culto e para ser visitada polos turistas que se achegan ata a nosa terra.»
Dende o Concello valoran como fundamental a xestión do Alcalde ante o Ministerio de Cultura para obter axudas que permitiron realizar traballos de conservación e iluminación na igrexa. Estas intervencións incluíron restauración de pinturas murais no presbiterio, na nave central e no muro norte do cruceiro, así como dos retablos maior e do cruceiro do Mosteiro de San Vicente do Pino. Ademais, descubriuse unha pintura mural ben conservada de gran valor histórico e documental. O investimento total nestas actuacións de conservación e restauración ascendeu a 646.319 euros.
Outra solicitude do Alcalde permitiu obter axuda para a reforma da iluminación interior do templo, con 41.000 euros asignados para este fin. No total, o Goberno de España investiu case 700.000 euros neste proxecto de mellora do patrimonio histórico de Monforte.
O Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, sinalou que «Galicia conta cunha xerencia histórica innegable e de gran importancia e por iso investimos, nos últimos anos, máis de 125 millóns de euros para este tipo de obras, reformas e operacións de conservación e posta en valor do patrimonio galego.»
Estas actuacións permitirán a apertura da igrexa de San Vicente tanto para os habitantes de Monforte como para os turistas que visiten a cidade nos vindeiros días. Ademais, está prevista unha cerimonia relixiosa de apertura no vindeiro domingo 29 de outubro, presidida polo bispo de Lugo e co apoio do Concello de Monforte.
O traballo en equipo entre administracións permite preservar e destacar o rico patrimonio histórico e cultural de Galicia, aportando valor ás súas cidades e ás súas xentes.•