A cidade de Monforte uniuse ás múltiples concentracións que tiveron lugar en Galicia en solidariedade coa causa palestina, tras os recentes ataques israelís en Gaza. En torno a cincuenta persoas concentráronse na Praza de España de Monforte a semana pasada para expresar o seu rexeite ao ataque ao Hospital Al Ahli de Gaza. A concentración foi convocada pola Asociación Galaico Árabe Jenin, BDS Galiza, Galiza por Palestina e Mar de Lumes. Estas organizacións fixeron público o seguinte manifesto: «Os colectivos galegos solidarios coa causa palestina condenan con rotundidade o xenocidio que está a levar a cabo o estado sionista de Israel contra o pobo palestino, coa atroz complicidade da comunidade internacional e da OTAN. A recente masacre de máis de 800 persoas no Hospital Al Ahli Arabi de Gaza, debido aos bombardeos israelís do pasado 17 de outubro, súmase á longa lista de crimes contra a humanidade cometidos por Israel contra Palestina: xenocidio, limpeza étnica, apartheid, ocupación, expolio…
As organizacións convocantes instan á sociedade galega e á comunidade internacional a manterse vixilantes e a presionar as instancias gobernamentais para que tomen medidas concretas que contribúan á solución pacífica do conflito no Oriente Medio. A solidariedade con Palestina é unha causa xusta que debe unir a todas as persoas comprometidas cos dereitos humanos e a paz no mundo.» A concentración na Praza de España de Monforte foi un testemuño de apoio á loita do pobo palestino, unha resposta ao chamado internacional para pór fin á violencia e ao sufrimento en Gaza, esixindo o respecto aos dereitos humanos e o cumprimento das resolucións internacionais e deste xeito lembrar a urxente necesidade de pór fin á violencia e atopar unha solución xusta e duradeira para o conflito na rexión.•