O CB Chantada endereza o rumbo

Por Mateo L. Veiga

Foto CB Chantada

Logo dunha tempada pasada fantástica, acabando a fase regular en primeira posición, e ás portas do ascenso a LEB PRATA, o Ucoga C.B. Chantada comezaba o curso como un dos favoritos para asaltar a conferencia A.
O club moveuse notablemente no mercado, alternando renovacións de xogadores clave, como Carlos Noguerol ou Cristian Iglesias, e as incorporacións de promesas como Adrià Trouvé ou Jaime Fernández, procedentes do CB Valls e do UCB Córdoba, respectivamente. Ademais, grazas ao convenio formalizado co Ensino de Lugo, chegou talento da casa, como Pablo Marín. A peza para completar o quebracabezas foi asegurar a continuidade do capitán do barco, Alberto Fafián, que cumprirá a súa 17ª tempada como adestrador, e asinar con Alberto Gómez como segundo adestrador, moi querido entre a afección polo seu pasado como exxogador. Nunha fase regular repleta de equipos competitivos (Círculo Xixón Baloncesto, Cultural e Deportiva Leonesa, Marín Peixegalego, etc.), o Ucoga Chantada postulábase outro ano máis como un dos máximos favoritos para asaltar a fase final.
Pero arrincar non sempre resulta sinxelo. Dúas avultadas derrotas fronte á Cultural Leonesa e o CB Tormes, rivais directos, marcaron un inicio de tempada difícil, tanto a nivel de sensacións, como de vara de medir, sobre onde pode chegar este equipo. Con todo, os resultados mellorarían, grazas á vitoria por 59-84 ante o Bosco Salesianos, e o triunfo en casa este sábado ante o Obradoiro, un rival correúdo e cun estilo de xogo moi dinámico, onde milita Victory Onuetu (2,10m, 19 anos), un pivote cun poderío físico notable e un futuro brillante, tras formar parte este verán da Selección Española Sub-19, e proclamarse campión do Mundo.
Os últimos partidos evidencian unha melloría no xogo do Ucoga Chantada, cun Carlos Noguerol imperial.
O potencial deste equipo convida a crer outro ano máis, aínda que todo depende de como transcorra a adaptación dos reforzos.
O talento da mocidade está en bruto, en busca de desenvolver toda a súa valía, e non hai mellor lugar para progresar que en Chantada.
E para gañar partidos, todo é máis fácil con “Noguerator” ao temón.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Mentras Raquel Arias e Katy Varela fan un balance positivo dos Orzamentos, os socialistas os consideran un desprezo do PP á provincia e o BNG os califica de insuficientes e faltos de compromiso

Seguinte Nova

Homenaxe ao CN Monforte

Últimas noticias sobre DEPORTES

Ir aInicio

Don't Miss