O PP de Monforte propón unha nova normativa para a carga e descarga de vehículos

Os populares ven necesario modificar o artigo 56 da normativa municipal de tráfico para recoller a nova realidade laboral, que moitos autónomos e emprendedores realizan o seu traballo diario no seu vehículo persoal. Foto GPPP.

O Partido Popular de Monforte vén de presentar unha iniciativa no Concello para modificar a actual normativa de tráfico que rexe as horas de carga e descarga. A proposta ten como obxectivo adaptar as regras á nova realidade, tendo en conta as necesidades dos emprendedores e autónomos que requiren maior flexibilidade para levar a cabo as súas actividades comerciais.
A normativa vixente regula os horarios especiais para carga e descarga de mercadorías, pero o Partido Popular considera que esta non se adapta ás necesidades do mundo actual, no que moitos profesionais utilizan os seus vehículos particulares para traballar. Segundo Katy Varela, voceira do PP de Monforte, “temos que ter altura de miras e ser capaces de poñer en marcha aquelas medidas que potencien o desenvolvemento económico e social do noso municipio, algo para o que cómpre facilitar que os emprendedores teñan as máximas facilidades ao seu alcance para desenvolver a súa actividade”. Un dos puntos clave da proposta é a ampliación das categorías de vehículos autorizados para realizar tarefas de carga e descarga. A ordenanza actual permite esta actividade só a certos tipos de vehículos, deixando fóra os turismos e vehículos habituais.
A nova normativa proposta polo PP de Monforte busca permitir o acceso a todas as categorías de vehículos afectos a unha actividade, sempre e cando se poida presentar unha xustificación válida para facelo. A modificación tamén inclúe a actualización dos artigos 57 e 59 da ordenanza. O primeiro artigo fai referencia á delimitación e sinalización das zonas de carga e descarga, pero a proposta recoñece que, en certas circunstancias, os profesionais non poden usar estas áreas debido ao peso das súas mercadorías ou ás condicións de tráfico. Polo tanto, solicita que, en determinadas situacións, se permita que os vehículos afectos a unha actividade que requiren parar en zonas peonís para a carga e descarga poidan acceder a estas áreas durante as horas apropiadas. No que se refire ao artigo 59, que trata dos horarios de carga e descarga, a proposta do PP de Monforte busca ampliar o acceso ás zonas habilitadas durante todo o día para levar a cabo estas tarefas.
Katy Varela sinala que “debemos adaptarnos ás novas necesidades de carga e descarga, polo que solicitamos que as zonas habilitadas poidan ser usadas durante todo o día e que se amplíen as horas de mañá, desde as seis ata as once da mañá”. A proposta do PP de Monforte será debatida no vindeiro pleno do Concello co obxectivo de promover unha normativa de tráfico máis flexible e adaptada ás necesidades dos autónomos e emprendedores que desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento económico do municipio.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Xunta inviste un 43% máis no ensino no rural de Lugo que no urbano

Seguinte Nova

O Alcalde de Sarria critica os orzamentos da Xunta de Galicia para 2024

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

Ir aInicio

Don't Miss