O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, representado pola súa deputada Patricia Otero Rodríguez, vén de presentar unha proposta non lexislativa para reclamarlle á Xunta o reforzo da liña das 7 da mañá que foi rexeitada polo PP. Dende o inicio desta lexislatura, os deputados socialistas levaron ao Parlamento as queixas expresadas por usuarios, colectivos e concellos de toda Galicia en relación co funcionamento do servizo público de transporte por estrada, que está baixo a competencia da Xunta. Entre as queixas atopáronse retrasos e reducións nas frecuencias horarias, supresión de servizos sen previo aviso, falta de información sobre horarios, escaseza de prazas nos autobuses, incumprimento de anuncios de melloras e falta de puntualidade. Na provincia de Lugo, foron numerosas as queixas sobre a falta de resposta ás necesidades de mobilidade dos veciños, especialmente no que respecta á comunicación entre as zonas rurais e a capital da provincia. Un exemplo puido observarse esta semana cando veciños da Pobra de San Xiao, en Láncara, esixiron á Xunta un aumento no número de liñas de autobús para os estudantes que se desprazan a Lugo. Esta situación non é nova, pero agravouse co inicio do curso escolar. O autobús que parte ás 7 da mañá de Monforte con destino a Lugo é utilizado por moitos estudantes de Láncara, O Páramo, Sarria ou O Corgo para asistir ás súas clases. A parada na Pobra de San Xiao, en Láncara, chega ás 7:48 da mañá, xa sen prazas dispoñibles para recoller todos os usuarios, a maioría estudantes. Chegou a darse o caso de que ata 10 estudantes quedaron na parada nas últimas semanas informaron os seus familiares. Os estudantes que non conseguen un asento vense obrigados ben a coller o seguinte, que parte ás 9:00 da mañá, chegando tarde ás súas clases, ou ben, os seus familiares organizan quendas para levalos en vehículos particulares. Os fafectados piden á Xunta que escoite as súas preocupacións e busque unha solución para este problema, que, en súa opinión, require que se reforce o servizo de autobús que parte ás 7:00 da mañá. Isto, alegan, podería lograrse, polo menos, mediante un aumento na oferta de autobuses entre Monforte e Lugo nese horario. Fronte a esta situación, o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reforzar o servizo de autobús entre Monforte e Lugo, mediante a creación, polo menos, dunha liña adicional no servizo das 7:00 da mañá.•