No acto inaugural, o Alcalde de Monforte José Tomé Roca estivo acompañado Secretario de Estado para el Deporte e Presidente do Consello Superior de Deportes, Víctor Francos Díaz
Tomé Roca, e o Secretario de Estado para o Deporte e Presidente do Consello Superior de Deportes, Víctor Francos Díaz, protagonizaron a inauguración das obras de mellora do Pavillón Polideportivo municipal de A Pinguela.
Na cerimonia inaugural, estiveron presentes destacadas personalidades, incluíndo o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, así como varios representantes de clubs deportivos locais e asociacións que frecuentan as instalacións. O Alcalde expresou a súa satisfacción ao sinalar: «Hoxe é un día histórico para Monforte, xa que estamos a inaugurar un pavillón polideportivo único en Galicia na súa categoría.»
Nun discurso institucional na beira da pista do pavillón, o rexedor monfortino destacou que estas obras de remodelación integral transforman o pavillón nunha instalación deportiva moderna, segura e ben equipada que satisfará as necesidades deportivas da cidade. Esta instalación servirá a máis de 40 clubs e asociacións deportivas locais, ofrecendo á comunidade instalacións deportivas de primeira categoría.
O Secretario de Estado para o Deporte, Víctor Francos Díaz, eloxiou o esforzo do Alcalde Tomé, sinalando: «Hai moitas cidades en España que querrían ter este pabillón, que é froito da constancia e do traballo deste alcalde, que tamén tivo o mérito de buscar a financiación e unha empresa competente para desenvolver o proxecto en pouco máis de catro meses.»
Francos defendeu a importancia do remodelado pavillón como «un espazo para a igualdade e a defensa dos valores sociais e deportivos, un espazo que é dos clubs, dos cidadáns e dos deportistas, e a través do cal poderán desenvolver unha vida saudable». O presidente do CSD tamén manifestou: «Que esta non será a última colaboración do CSD co concello de Monforte» e anunciou, que tras conversas mantidas co Alcalde, «vamos a empezar a traballar en novos proxectos e abrir novos camiños pata mellorar outros espazos deportivos na cidade».
A adxudicación desta obra fixose por un importe de 3.708.051,62€, o que supuxo unha baixa do 3,10% con respecto ó presuposto base de licitación. Foi adxudicada no mes de marzo á UTE Construcciones Castro Figueiró S.L.U.-Xestión Ambiental de Contratas S.L. A financiación da obra foi compartida polo Consello Superior de Deportes, que aportou o 53,52% do orzamento e o Concello de Monforte que aportou o 46,48% restante. Un dos aspectos polos que máis puntuación se concedía na valoración dos proxectos presentados era a eficiencia enerxética. No caso das obras de reforma do Pavillón da Pinguela supoñen unha mellora na eficiencia enerxética do edificio que permite pasar dunha cualificación enerxética E a unha cualificación enerxética B, en canto a consumo de enerxía primaria non renovable, e dunha cualificación enerxética F a unha cualificación enerxética A, en canto a emisións de CO2.
As obras de reforma do Pavillón da Pinguela desenvolvéronse en tempo récord, pois deron comezo o pasado 2 de maio, e foron terminadas en tempo e forma o pasado 30 de setembro «motivo polo cal debemos sentirnos orgullosos e tamén recoñecer a eficacia da empresa adxudicataria», destacou o Alcalde. O novo pavillón conta cunha imaxe actual e moderna, na que se reordenan os espazos que permitiron crear un novo ximnasio de 131m2, situado a carón do vestíbulo, e un novo almacén na planta baixa, así como aumentar a zona destinada a despachos en 85 m2.
Na planta superior a instalación conta con gradas por todo o arredor da pista deportiva, para o que se ampliou a grada actual e se construíron novas gradas no lado oeste e nas dúas cabeceiras, norte sur. Isto permite pasar dun aforo de 465 persoas, da antiga instalación, a 1.198 localidades, o que posibilitará a organización de competicións de máis alto nivel.
O resto de espazos, pista deportiva, vestíbulo, vestiarios, oficinas para clubs e aseos, son totalmente novos. O exterior do edificio tamén luce unha nova imaxe, xa que se urbanizaron un total de 1.400 m2 arredor do pavillón humanizando así todo o perímetro da instalación. A apertura do pavillón a actividades deportivas está prevista en vindeiras datas, unha vez se ultime dende a Concellería de Deportes o calendario de actividades cos diferentes clubs e asociacións deportivas. «Estou seguro que o Pavillón Polideportivo de A Pinguela dará resposta ás necesidades dos clubs que o usan habitualmente. É unha instalación modélica que creo que estará por moitos anos ó servizo da xente do deporte de Monforte», concluíu o Alcalde.•