Aínda que non hai aínda unhas datas concretas, o certo é que as próximas eleccións autonómicas están máis preto que nunca. En teoría, se se completase a lexislatura, terían que ser en xullo de 2024, pero tendo en conta que un mes antes hai eleccións europeas, todas as posibilidades están abertas no que se refire á data da súa celebración, non sendo descartable, que as mesmas teñan lugar no primeiro trimestre do ano. E ademais, prevese que sexan especialmente rifadas, cun Alfonso Rueda que se enfronta por primeira vez ás urnas como Presidente da Xunta de Galicia, e está por ver, se será capaz de manter a maioría absoluta que viña alcanzando Feijóo nas últimas eleccións. Todo iso, cun BNG á alza, e coa dúbida do que conseguirá o PSdeG, da man dun renacido José Ramón Gómez Besteiro. O certo, é que as eleccións están xa ao caer, e nótase en cada un dos actos que promoven os distintos partidos políticos, que están xa en pleno traballo de engraxamento da súa maquinaria electoral.
REUNIÓN DE ALFONSO RUEDA CO PP DA COMARCA DE LEMOS
No senso antes sinalado, enmárcase a visita do presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, a pasada semana á nosa comarca, na que mantivo un encontro de suma relevancia coa representación política dos concellos que compoñen o partido xudicial de Monforte de Lemos. Nesta xuntanza, que tivo como escenario o concello de Pantón, o alcalde anfitrión, José Luis Álvarez, deu a benvida aos oito alcaldes e voceiros presentes, representando a localidades como Bóveda, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober. Unha reunión que se enmarcou na campaña «Galicia non para!».
Este encontro permitiu que os representantes do PPdeG trasladasen a Alfonso Rueda as inquedanzas, demandas e proxectos dos seus respectivos concellos e, por extensión, de toda unha comarca que suma preto de 35.000 habitantes. Os alcaldes e voceiros puideron compartir as súas prioridades e preocupacións directamente co líder do partido, afondando nos retos e necesidades que afectan ás súas localidades e veciños.
Por parte de Alfonso Rueda, este encontro reflictiu o seu compromiso coa realidade galega e, en particular, coa comarca da Ribeira Sacra e a súa área de influencia. Rueda destacou a fortaleza e as vantaxes que Galicia posúe como unha «illa» de estabilidade e certezas dentro do contexto político e económico nacional. Subliñou que o Goberno galego aprobou consecutivamente os décimo quintos orzamentos autonómicos, os máis abondosos na historia da Comunidade, o que garante un compromiso sólido coa nosa terra. En canto á zona de Lemos, os orzamentos autonómicos conteñen partidas substanciais destinadas a reforzar o sistema de saúde na área. Entre elas, destácanse máis de 30 millóns de euros para o persoal do hospital de Monforte e 1 millón de euros para o seu plan director de ampliación. No ámbito das infraestruturas, a aposta polo desenvolvemento da comarca tamén é evidente, con investimentos que permitirán a finalización da estrada entre Quiroga e Seoane do Courel, a creación dunha glorieta en Sober e a habilitación de sendas peonís e ciclistas, como a que está proxectada en Pantón.
O Goberno galego, ao igual que no resto de Galicia, reafirma o seu compromiso coa estabilidade, o benestar das persoas e o futuro.
Neste encontro, os representantes políticos dos concellos expresaron a súa confianza no liderado de Alfonso Rueda e no seu obxectivo de acadar a primeira maioría absoluta cando chegue o momento.•