Os premios da IX Edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra foron outorgados despois dun proceso de avaliación exhaustivo por parte do xurado, que destacou a alta calidade das iniciativas presentadas e o entusiasmo e talento dos emprendedores. A cerimonia de entrega de premios tivo lugar despois dunha cea de confraternidade celebrada no Parador de Monforte, onde se congregaron destacadas figuras do ámbito empresarial e institucional.
O primeiro premio, dotado con 10.000€, foi concedido a Chorima Cosmética Atlántica, un proxecto radicado en A Estrada que busca obter extractos vexetais para a industria cosmética a través da Extracción Asistida por Ultrasonido (EAU). Esta técnica inovadora permite a valorización de residuos da industria agroalimentaria, como o bagazo, podas e produtos frescos rexeitados. O proxecto tamén contempla a produción dunha liña cosmética baseada nestes extractos, en combinación coas últimas tendencias en cosmética. Co apoio da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, están a ultimar a solicitude de IEBT (Iniciativa de emprendemento de base tecnolóxica) para levar a cabo o seu proxecto.
O segundo premio, cunha dotación de 6.000€, recaeu en LamasDulce, un proxecto de Monforte de Lemos que se especializa na elaboración de galletas decoradas personalizadas. Esta iniciativa naceu como unha promesa á filla da promotora, e ten como obxectivo dar un toque personalizado e exquisito a calquera celebración. As galletas son entregadas en man ou a través de envío por mensaxería, destacando a atención posta no packaging dos produtos e a súa sustentabilidade.
O terceiro premio, dotado con 4.000€, foi para Bikarte, un proxecto tamén baseado en Monforte de Lemos. Esta empresa ofrece servizos de alugueiro de bicicletas e visitas guiadas a través dunha aplicación móbil. A App permite descubrir roteiros con contido cultural, patrimonial, artístico e natural, posicionándose no mercado do Turismo Activo a nivel nacional e internacional. Bikarte promove a mobilidade alternativa ao transporte motorizado tradicional e busca ser un exemplo de empresa sostible e respectuosa co medio ambiente na Ribeira Sacra.
A cerimonia contou coa presenza de destacadas personalidades como Francisco Conde, ex-Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, quen apoiou o concurso desde os seus inicios. Tamén estiveron presentes Margarita Ardao, Directora Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, alcaldes dos concellos colaboradores, así como representantes de empresas e universidades que avalan a iniciativa.
A IX Edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra demostrou, unha vez máis, o seu papel fundamental no fomento da innovación e o emprendemento na zona rural.
Desde o seu inicio, esta iniciativa impulsou máis dunha vintena de proxectos innovadores que dinamizan o medio rural e se converteron en realidade grazas ao concurso.
A Asociación Semente de Monforte, promotora do evento, naceu no 2014 despois de gañar a Lotería de Reis na cidade, e dende entón, continúa a contribuír ao progreso da comarca.•