O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou a pasada semana a sétima convocatoria do Programa de axudas municipais á creación de empresas do Concello de Monforte de Lemos. Esta iniciativa ten como obxectivo colaborar na xeración de emprego no concello o e promover a posta en marcha de novos proxectos empresariais.
Este programa enmárcase no obxectivo principal do Equipo de Goberno, que é contribuír á fixación de poboación en Monforte e propiciar un crecemento e desenvolvemento sostible. Ademais, busca promover a creación de emprego estable e de calidade a nivel local e facilitar a incorporación das persoas en situación de desemprego ó mercado laboral.
ABERTO O PRAZO PARA PRESENTAR SOLICITUDES
O prazo para solicitar estas subvencións estará aberto ata o 30 de novembro. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica municipal ou por calquera outro medio previsto pola Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, e dirixiranse á Concellería de Facenda, Réxime Interior, Servizos Sociais e Discapacidade do Concello de Monforte de Lemos.
BENEFICIARIOS DAS AXUDAS
Poderán beneficiarse destas axudas os empresarios individuais e as pequenas e medianas empresas (PEME) que comezaran a súa actividade entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023. A contía prevista para estas subvencións ascende a 30.000 euros, e o importe máximo de cada axuda será de 1.500 euros, non podendo superar o 50% dos gastos efectuados no período indicado. Cómpre destacar que esta cantidade poderá incrementarse nun 25% no caso de que a persoa beneficiaria sexa muller ou unha persoa con discapacidade. Para solicitar estas subvencións, os solicitantes deberán ter o seu enderezo fiscal e social en Monforte, a actividade empresarial ten que ser de nova creación, as persoas promotoras deben estar en situación de desemprego na data de inicio da actividade empresarial e crear, polo menos, o seu propio posto de traballo. Os autónomos poderán ser beneficiarios das axudas cando formen parte dunha comunidade de bens, Sociedades Civís ou constitúan unha Sociedade Mercantil.
GASTOS SUBVENCIONABLES
Os gastos subvencionables corresponden á posta en marcha e ao funcionamento da empresa durante os primeiros meses da actividade. Deste xeito, os gastos que poderán ser subvencionables corresponderán aos realizados dende dous meses antes do inicio da actividade ata a data límite de presentación das solicitudes.
Para obter máis información e consultar os detalles das bases, podes visitar a páxina web do Concello de Monforte.•