Vense de clausurar o obradoiro de emprego sobre restauración e arquivo dixital que se desenvolveu en Monforte de Lemos durante o último ano. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias e o Alcalde de Monforte José Tomé Roca, fixeron entrega dos diplomas aos 20 alumnos e alumnas participantes. Este obradoiro de emprego celebrouse dende o mes de novembro de 2022 e ata finais deste mes de outubro de 2023 nas instalacións da Escola Taller de A Pinguela, rehabilitada en dous obradoiros de emprego municipais anteriores, e que pasou a ser o lugar de traballo dos novos obradoiros desenvoltos polo Concello.
O obradoiro, que contou cun orzamento que superou o medio millón de euros (503.987€).
José Tomé salientou que “con este obradoiro de emprego creamos 24 postos de traballo durante 12 meses, pois o grupo estivo formado por 20 alumnos e alumnas, 2 docentes, un director e unha administrativa”.Pola súa banda, Javier Arias lembrou que nas vindeiras semanas botará a andar outro obradoiro de emprego no municipio, que suporá novas oportunidades laborais para outros tantos traballadores desempregados e contará cun orzamento de 534.000 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Este tipo accións formativas acadan elevadas taxas de inserción laboral dado que ofrecen tanto coñecementos teóricos como experiencia práctica.
Neste caso, a metade do alumnado formouse en traballos de carpintaría e moble e a outra metade en operacións de gravación e tratamento de documentos, dedicándose a recuperar mobiliario antigo e a organizar e dixitalizar expedientes dos arquivos municipais respectivamente.•