O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, deu inicio á quinta edición do Fairway, a destacada feira especializada no Camiño de Santiago. Neste evento, subliñou a importancia de debater e avanzar na xestión sustentable do Camiño, un obxectivo prioritario da Xunta de Galicia que traballa activamente neste ámbito a través de plans directores específicos.
Merelles destacou que o Camiño de Santiago está a converterse nunha rota máis diversificada e desestacionalizada, coa incorporación de novas tendencias na peregrinación. Neste sentido, sinalou que é crucial que todas as administracións atendan a estes cambios e se involucren na xestión sustentable da ruta xacobea. Durante a V edición do Fairway, profesionais, entidades privadas e administracións, incluída a Xunta de Galicia, terán a oportunidade de debater, expoñer e avanzar en temas relacionados coa sustentabilidade do Camiño de Santiago e os seus retos futuros. O director de Turismo agradeceu á organización a posta en marcha desta iniciativa e animou á participación nas diversas accións previstas ao longo da semana.
Un dos puntos destacados deste ano é a promoción de encontros online e presenciais entre empresarios que operan no Camiño de Santiago. Tamén, como novidade, haberá unha pequena feira de emprego, así como un día aberto ao público con actividades lúdicas para todas as idades.
A temática central desta edición do Fairway é a economía circular, cun enfoque profesional que inclúe reunións de negocio entre empresas e 42 touroperadores nacionais e internacionais. Ademais, haberá obradoiros formativos para familiarizarse co uso de ferramentas dixitais, contribuíndo así ao impulso e modernización do sector turístico no ámbito do Camiño de Santiago.
PRESENZA DA DEPUTACIÓN DE LUGO
O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, puxo en valor na feira Fairway o potencial das rutas xacobeas que percorren a provincia de Lugo. A Deputación de Lugo, presente no evento cun expositor informativo, destacou a importancia do Camiño de Santiago como un «activo fundamental» para a rexión, con máis de 800 quilómetros de rutas oficiais e non oficializadas.Cajoto subliñou que o Camiño de Santiago é a «gran porta de entrada» dos peregrinos a Galicia e informou sobre os tres itinerarios xacobeos oficiais declarados Patrimonio Mundial da Humanidade na provincia: o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo e o Camiño Francés, así como o Camiño de Inverno.
Tamén resaltou o traballo para recoñecer o Camiño do Mar, a vía Rexia e a vía Künig. A oficialización destas rutas, segundo Cajoto, será unha ferramenta clave para dinamizar o turismo a nivel nacional e internacional, así como para impulsar a actividade social e económica na provincia.
O Deputado subliñou a relevancia de ter presenza en citas como Fairway, pois “favorecen a visibilidade do sector e céntranse nun modelo que promovemos e practicamos dende a Deputación, como é a economía circular”. A institución defende un sistema que permite o desenvolvemento do territorio sostible e que aproveita os recursos para favorecer a actividade económica e fixar poboación.•