
Esta última semana, o salón de actos do Concello de Folgoso converteuse nun foro de reflexión sobre o futuro turístico do Courel grazas a unha xornada organizada por unha agrupación de empresas comprometidas co Xeoparque. Neste encontro, denominado Noa Innova, Casa de Outeiro, URBA, Coureleando e Sabor Rural compartiron ideas e perspectivas sobre a promoción e desenvolvemento turístico da rexión.
Un dos momentos destacados foi a mesa de debate centrada nas Administracións Públicas e o seu compromiso co futuro turístico do Courel. O Deputado Provincial de Medio Ambiente, Carlos López, participou na conversa, acompañado pola Alcaldesa de Folgoso, Lola Castro; o Alcalde de Quiroga, José Luis Rivera; o Tenente de Alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro; e a Xefa Territorial de Turismo da Xunta, Paloma Vázquez.
Carlos López defendeu un modelo de turismo de alta calidade, sostible e non masificado. Subliñou a importancia de crear experiencias que coiden o patrimonio e deixen un impacto positivo no territorio, tanto en termos económicos como de emprego. O Deputado recordou que a Deputación apostou por esta estratexia antes da pandemia, e agora, despois de superala, confírmase como a máis adecuada para encarar o futuro.
A súa reflexión centrouse no papel crucial do turismo como motor de desenvolvemento rural. Carlos López destacou a necesidade de mellorar e achegar servizos públicos á poboación e de apoiar os sectores produtivos para xerar emprego e riqueza. Sinalou que o turismo representa un sector cun gran potencial para revitalizar o rural, e insistiu en promover un turismo non masificado e desestacionalizado. O Deputado subliñou a riqueza medioambiental do Courel, con máis do 80% do territorio recoñecido como Reserva da Biosfera. Destacou que este aspecto actúa como un importante chamariz para o turismo e subliñou a necesidade de mobilizar de maneira intelixente os recursos provinciais.
No tocante á sostenibilidade, López argumentou que un turismo non masificado debe xerar aprecio polo medio ambiente e xerar recursos que permitan aos concellos coidar a biodiversidade, as paisaxes e o patrimonio. Citou as directrices Home e Biosfera da UNESCO, que promoven o coidado do medio ambiente como un factor clave para o desenvolvemento das comunidades humanas.
A COLABORACIÓN COMO FERRAMENTA IMPRESCINDIBLE
O Deputado destacou a importancia da colaboración como ferramenta esencial no século XXI para a xestión turística. Apuntou que é necesario colaborar entre administracións, representantes do comercio e da hostalaría, asociacións veciñais, culturais e ecoloxistas, así como incorporar a investigación da Universidade pública. Comprometeuse a que a Deputación seguirá colaborando cos concellos, especialmente no Courel, para impulsar o turismo como motor de desenvolvemento rural.
A xornada continuou cunha segunda mesa de debate sobre as axencias de turismo como promotoras do turismo de experiencias no Courel. Posteriormente, deuse a coñecer un proxecto que busca debater ideas sobre unha marca unificada para o Courel, presentado pola axencia de comunicación Nomenklaturas. A continuación, unha terceira mesa de debate centrouse nos medios de comunicación e o seu papel na promoción turística do Courel.
O programa rematou cunha cuarta mesa que destacou os actores locais como protagonistas na atracción turística do Courel.
IMPULSO DO XEOPARQUE
Por outra parte A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo un encontro recente coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, co obxectivo de avaliar iniciativas para impulsar o Xeoparque Montañas do Courel e desenvolver proxectos de humanización na localidade.
Durante a reunión, analizaron detalladamente o proxecto municipal para a construción dun novo acceso aos edificios municipais de usos múltiples situados no lugar de Fondo de Vila. A alcaldesa explicou a necesidade de mellorar tanto a accesibilidade como a seguridade viaria na contorna, onde se atopan o albergue municipal, un centro sociocultural e unha praza recentemente rehabilitada.
Ángeles Vázquez informou á alcaldesa sobre a posibilidade de que este proxecto se integre nos obxectivos do plan Hurbe, unha iniciativa lanzada polo Goberno galego en 2010 co obxectivo de axudar ás administracións locais a financiar actuacións que impacten positivamente na calidade de vida da veciñanza. De ser aprobada a colaboración, a Xunta financiaría o 70% da actuación, mentres que o concello asumiría o 30% restante. Na reunión, na que tamén participou o coordinador do Xeoparque Mundial Unesco Montañas do Courel, Martín Alemparte, destacaron a importancia da colaboración continua para o desenvolvemento de actividades de educación e sensibilización ambiental na Aula da Natureza do Courel. As accións futuras para dar a coñecer tanto a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como o Xeoparque foron tamén abordadas no encontro. •