A agrupación local do PSdeG en Bóveda alzou a voz esta semana para denunciar a que califican como alarmante falta de atención médica no Centro de Saúde da localidade. A situación, denuncian os socialistas, que se estende xa durante toda a semana, vese agravada polo feito de que non hai persoal de enfermería dispoñible. A voceira municipal socialista, Carmen Macía, urxe tanto ao Sergas como ao Concello a dotar de maneira inmediata o persoal necesario para a Atención Primaria local, xa que, segundo as súas palabras, “esta situación non pode prolongarse no tempo; non podemos deixar sen atención sanitaria o núcleo de Bóveda”. “A día de hoxe, temos un médico substituto no Centro de Saúde de Rubián, mentres que en Bóveda non contamos con ningún. É inaceptable que a veciñanza deba desprazarse cando deberían estar cubertas as dúas prazas médicas”, denuncia a voceira socialista. Macía tamén apunta á complicidade do Alcalde nesta cuestión, sinalando que “unha vez máis, queda patente que non lle importa o benestar dos seus veciños e veciñas, e que se somete aos intereses da Xunta sen alzar a voz nin reclamar o que nos corresponde como bovedenses”. •