
A Ribeira Sacra acolleu esta semana o encontro Paisaxes da auga: unindo o pasado co futuro, unha cita internacional que reuniu no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil unha trintena de expertos de todo o mundo co fin de impulsar o recoñecemento do valor e a importancia deste territorio das provincias de Lugo e Ourense. Este encontro, incluiu un amplo programa de actividades con presentacións, conferencias e mesas redondas, entre outras iniciativas, nas que participaron representantes de organismos como a Unesco, Icomos, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza, así como das universidades e outras institucións coa finalidade revitalizar a candidatura a Patrimonio da Humanidade deste territorio. No evento, merece destacarse a participación de Henk P. J. van Schaik, vicepresidente honorario do Comité Científico Internacional ICOMOS Auga e Patrimonio; Rafael Mata, catedrático de Análise Rexional na Universidade Autónoma de Madrid; Jurn Buisman, secretario xeral de ICOMOS, e Diederik Six, embaixador especial da Auga e o Patrimonio. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu á lectura da Declaración de Ribeira Sacra sobre o patrimonio da auga: unindo o pasado co futuro, declaración ten por obxectivo preservar, difundir e poñer en valor o patrimonio cultural vinculado á auga. O documento adoptado no corazón desta comarca recolle unha vintena de recomendacións entre as que se inclúen a necesidade de seguir promovendo diálogos intersectoriais, foros, encontros e contribucións científicas específicas co fin de preservar o legado desta paisaxe excepcional marcada pola curso dos ríos Sil e Miño. Neste senso, instan a ampliar o coñecemento actual sobre estes sitios esteticamente impresionantes que combinan a biodiversidade agrícola con ecosistemas resilientes e un valioso patrimonio cultural.
En canto á Unesco e a os órganos asesores, a declaración anima a promover a creación de grupos de traballo sobre as paisaxes da auga, intercambiar orientacións, casos de estudo e experiencias para acadar un enfoque inclusivo e a apuntar o papel destes espazos na Unesco incentivando a inscrición de novos elementos tanto nas listas de Patrimonio Cultural Inmaterial como no Rexistro de Boas Prácticas. Ademais, solicítase a apoiar aos diferentes estados a presentar novas candidaturas relacionadas coa auga para acadar unha Lista do Patrimonio Mundial máis representativa, equilibrada e crible.