
Vense de clausurar con éxito o Programa Integrado de Emprego nos concellos de Chantada, Pantón, Bóveda, Paradela, O Saviñao, Sober, Taboada, Carballedo, Coles, A Peroxa e San Cristovo de Cea. Financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 250.000 euros, este programa beneficou a 100 participantes, a maioría menores de 30 anos, así como a persoas desempregadas maiores de 45 anos. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen participou no peche do programa, anunciou un novo proxecto semellante para outros 100 participantes nos mesmos concellos, máis Vilamarín, no período 2023-2024, cunha achega aprobada de 220.000 euros.
Arias subliñou o éxito do programa, cuxo obxectivo é aumentar as oportunidades laborais dos desempregados a través de formación e asesoramento. Temas como técnicas de coaching, intelixencia emocional, habilidades sociolaborais, prácticas laborais e fomento do emprendemento foron abordados. Ademais, este ano incorporouse unha aula virtual como medida innovadora. Destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para adaptar a formación aos perfís profesionais demandados polas empresas. Animou aos participantes a explorar oportunidades de emprendemento, recordándolles o asesoramento dispoñible a través das oficinas Conecta Lugo e os Polos de Emprendemento, en Monforte, Lugo e Ribadeo.•