
Están a continuar por toda Galicia, tamén en Monforte, as accións de protesta convocadas por APT Galicia, un colectivo formado por enfermeiras galegas, que leva meses levando a cabo todo tipo de accións, concentracións, escritos dirixidos ás Xerencias e Recursos Humanos do Sergas, á Valedora do Pobo e a outros organismos, reunións cos representantes dos traballadores. Reclaman os dereitos que foron perdendo nas últimas dúas décadas, melloras nos cocientes enfermeira–doente, estabilidade laboral e o recoñecemento profesional. Denuncian un uso abusivo de contratos precarios, de días, ou no mellor dos casos, de meses, nos cales, en moitas ocasións, o horario laboral é comunicado ao traballador con un só día de antelación, tendo que exercer o seu traballo nunha unidade diferente cada día ou incluso dentro da mesma xornada, xera
unha gran presión nos profesionais e supón un risco innecesario para a seguridade dos doentes. Denuncian que a mala xestión da administración e a falta de previsión das crecentes necesidades dunha poboación cada vez máis lonxeva favorecen o deterioro da Sanidade Pública, o incremento desorbitado da actividade privada e a migración de compañeiras fóra de Galicia e incluso de España. Por todo isto, volven sair á rúa.
(FOTO GPCM)