Debuta cun empate ante o Noia
Que o fútbol non hai quen o entenda, é unha evidencia, pero por moito que o saibamos, sempre nos sorprende. A pasada xornada, o Club Lemos presentábase na Coruña a xogar contra o Victoria, un encontro moi importante, para tratar de acabar coa recha de partidos sen gañar, que o levaron desde o segundo posto, a achegarse á cola da clasificación. O equipo non xogara ben durante os últimos partidos, e había moitas dúbidas respecto a como respondería o equipo. Pero o certo é que os lemistas fixeron un dos seus mellores partidos da tempada, moi serios e concentrados en todo momento, coa presenza dun Mauro Busi en ataque, que estivo omnipresente no campo, xerando perigo en cada xogada e autor dos dous goles que posibilitaron que o equipo volvese á senda da vitoria e levantásese á oitava praza da clasificación, con 16 puntos, non moi afastado dos postos de ascenso. Todo parecía apuntar a que o equipo volvía a unha certa calma ou normalidade. Pero nada diso estaba a pasar. Antes do partido, o equipo técnico formado polo tandem Óscar Moure e Juan Fabeiro presentara a súa dimisión. Dirixiron ao equipo en Coruña, pero xa sabían que non ían seguir. As causas da dimisión, publicamente fálase de presión e cúmulo de circunstancias. É certo que Moure é un adestrador moi novo, ao que evidentemente a súa falta de experiencia puido pasarlle factura, pois o baquillo do Lemos é especialmente complicado, aínda que a situación convida a sospeitar dalgunha marusía interna. En calquera caso, ambos son xa historia, e a directiva lemista decidiu contratar a Juan Luis Bernal Cuéllar para que se faga cargo das rendas dun equipo que dá a sensación de poder facer máis do demostrado ata o momento. Juanlu Bernal conta con máis de 25 anos de experiencia no sector futbolístico chega ao noso club tras ser segundo adestrador en clubs con renome como o Club Deportivo Lugo, Recreativo de Huelva e Cádiz, entre outros. Na súa etapa como futbolista profesional de 17 tempadas, na que xogaba na posición de central, militou nas filas de equipos como o Real Betis Balompé, Albacete Balompé ou o Racing Club de Ferrol. Moita sorte.•