Monforte conectará a súa Ronda Urbana coa N-120

Despois de 30 anos vaise construir o tramo entre a rotonda da rúa Ourense e a N-120, completando así a Ronda Urbana entre o cruce da rúa San Pedro, a rotonda do Hórreo e a recta de Distriz, quedando completa a circunvalación de Monforte.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) asinou un acordo coa Deputación de Lugo e o Concello de Monforte de Lemos para desbloquear un novo proxecto viario crucial. Co orzamento estimado de 7,5 millóns de euros (IVA incluído), o proxecto mellorará significativamente a conexión entre as estradas N-120A e N-120, ao mesmo tempo que reforzará a seguridade viaria na área. Este compromiso tripartito implica unha distribución de financiamento na que o Mitma aportará o 90%, a Deputación de Lugo o 6,66%, e o Concello de Monforte de Lemos o 3,34%.
O acordo, asinado nun contexto de colaboración entre as administracións, ten obxectivos claros. En primeiro lugar, establece o marco para a redacción do anteproxecto, proxecto de trazado e de construción, tramitación ambiental, así como asistencia técnica para a execución do proxecto e a correspondente tramitación das expropiacións necesarias. Ademais, contempla a cesión do tramo de estrada construído polo Ministerio ao Concello de Monforte de Lemos.
O Ministerio comprométese a liderar varias fases do proxecto, incluíndo a redacción e aprobación do anteproxecto e proxecto de trazado e construción do novo viario. Tamén será responsábel pola tramitación do procedemento de avaliación ambiental do anteproxecto, a tramitación do expediente expropiatorio correspondente, e a licitación e execución das obras, xunto coa contratación de todas as asistencias técnicas necesarias.
A Deputación de Lugo, pola súa parte, asume a obrigación de financiar parte das actuacións recollidas no acordo. Ao mesmo tempo, o Concello de Monforte de Lemos non só contribuirá financeiramente, senón que tamén aceptará a cesión do tramo de estrada construído polo Mitma unha vez finalicen as obras.
O convenio estará vixente ata a recepción e liquidación das obras e, como máximo, por un prazo de 4 anos desde a data en que sexa eficaz, unha vez inscrito no Rexistro Electrónico estatal de Órganos e Instrumentos de Cooperación do sector público estatal. Así mesmo, será publicado no Boletín Oficial do Estado. A vixencia do convenio poderá prorrogarse por un período de ata catro anos adicionais, mediante a tramitación da addenda correspondente, previo cumprimento de todos os trámites e requisitos que resulten preceptivos de conformidade coa lexislación vixente.

VALORACIÓNS DO
ALCALDE DE MONFORTE
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca salientou que “é unha gran noticia sen dúbida para o noso Concello, unha gran noticia para Monforte, e eu diría que é unha noticia histórica porque, por fin despois de 30 anos vai ser realidade a medio prazo a construción do tramo da Ronda Urbana entre a rotonda da rúa Ourense e a N-120, completando así a Ronda Urbana entre o cruce da rúa San Pedro, a rotonda do Hórreo e a recta de Distriz, quedando completa a circunvalación de Monforte”. “Polo tanto”, subliñou o Alcalde, “é unha inversión moi importante, como se pode observar. Nun tramo moi pequeno de 1,2 km., pero que a parte da compra dos terreos e de a realización das obras, hai que facer unha ponte sobre o río Cabe, tamén sobre a estrada de Sober, e sobre a vía do ferrocarril, ademais de facer o entronque coa N-120”.
Rematou Tomé Roca, destacando que “esta é unha obra máis das que marcan un antes e un despois no noso Concello, dende que eu cheguei á alcaldía no ano 2015. E o meu compromiso cos monfortinos e coas monfortinas é seguir traballando para que Monforte siga medrando, como o está facendo” resaltou o rexedor monfortino, quen tamén anunciou que “dentro de pouco, daremos información e novas de novos investimentos que van seguir mellorando a vida de todos os veciños e de todas as veciñas de Monforte”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Un Camiño de Santiago cada vez máis sostible

Seguinte Nova

O Concello de Monforte inicia novo obradoiro de Emprego

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss