No marco da aposta pola formación e a creación de emprego, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto coa Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luís Losada, inauguraron o novo obradoiro de emprego na Escola Obradoiro da Pinguela. A visita contou coa presenza de representantes da Xunta e da corporación municipal, así como profesores e alumnos. Este obradoiro, cunha duración de 1 ano, ofrece formación teórica e práctica en dúas especialidades moi demandadas: albanelaría e carpintería. O Alcalde destacou que o obxectivo principal é «formar profesionais para facilitar a súa inserción laboral ou o autoemprego». Un total de 20 alumnos recibirán esta formación e, ao finalizar con éxito, obterán o certificado de profesionalidade en albanelaría e carpintería.
José Tomé subliñou a importancia desta iniciativa, que xerará 24 postos de traballo durante o período de formación. O orzamento total do proxecto ascende a máis de medio millón de euros, con financiamento procedente de fondos estatais, autonómicos e municipais. O Concello de Monforte inviste 81.530,60€, un 1.530% máis que no ano anterior.
Os participantes realizarán a rehabilitación e restauración das naves da Escola Taller A Pinguela. As melloras inclúen a substitución de cubertas, acondicionamento de novos espazos de traballo, renovación de portas e fiestras, e a restauración e aproveitamento de mobiliario urbano. Ao rematar, o Concello comprométese a facilitar a inserción laboral destes alumnos en empresas locais, incentivando a contratación con 1.500€ por alumno e empresa.•