Os servizos sociais e as inversións constitúen os dous piares dos Orzamentos do Concello de Monforte para o ano 2024

O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luís Losada, na rolda de prensa de presentación dos Orzamentos 2024. Foto ENCOMÚN.

O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, vén de presentar a pasada semana os Orzamentos Municipais para o ano 2024, que ascenden a máis de 16 millóns de euros (16.386.335,94€). Este orzamento reflicte un incremento significativo con respecto ao ano 2023, superando en máis dun millón de euros (1.015.189,71€), o que representa un aumento do 6,60%. En 2023, o orzamento municipal foi de 15.371.146,23€.
O rexedor monfortino destacou que os Orzamentos Municipais para o 2024 teñen como principais piares os servizos sociais e as inversións. José Tomé subliñou que este enfoque reflicte a prioridade do Equipo de Goberno na mellora da calidade de vida dos cidadáns e no desenvolvemento da cidade e das parroquias.
No ámbito das inversións, o Executivo de José Tomé asignou para o ano 2024 un total de 1.014.079,70€, un aumento considerable en comparación cos 625.099,18€ consignados en 2023. Este incremento, de 62,22%, representa un dos maiores na historia do Concello de Monforte con fondos propios, sinalou o Alcalde. O Alcalde destacou as melloras de vías urbanas, no Polígono do Reboredo, e na construción dunha nova conexión entre as estradas N-120A e N-120.
José Tomé destacou que os Orzamentos para o 2024 reflicten un compromiso social sólido, coas áreas de servizos sociais e inversións como prioridades. O Alcalde subliñou o esforzo do Concello por reducir o gasto corrente non prioritario, sen aumentar impostos, e xestionar eficazmente os recursos para atender ás necesidades da comunidade.
Os ingresos previstos para o ano 2024 ascenden a 16.386.335,94 euros. Destes, 4.420.000€ provirán da participación nos Tributos do Estado, experimentando un incremento de 2,42% en relación ao ano anterior. Os Fondos de Cooperación cos Concellos da Xunta de Galicia aumentarán en 31.398,20€, pero o Alcalde expresou preocupación pola falta de axuda substancial por parte do Goberno galego.
No desglose por capítulos, no Capítulo 1, correspondente a gastos de persoal, hai un aumento do 4,63%, alcanzando un total de 5.202.085,35€. O incremento está relacionado co compromiso de aplicar a Relación de Postos de Traballo (RPT), coa aplicación dun 33% en 2024.
No Capítulo 2, de gasto corrente, o Alcalde destacou un aumento do 3,19%, chegando a 8.898.094,31€. A pesar do incremento de custos, o rexedor subliñou unha xestión rigorosa, reducindo a suba porcentual do gasto corrente nun 1,55% en comparación co ano anterior.
O Capítulo 4, relativo a subvencións e transferencias, conta cunha partida total de 1.185.076,58€, aumentando en 4,61% con respecto a 2023. Este incremento reflicte o compromiso co apoio a deportes, festas das parroquias, entre outras actividades.
No ámbito de servizos sociais, os Orzamentos para o 2024 destinan 1.894.033,64€ á Axuda no Fogar (SAF), cun incremento do 9,79% en comparación con 2023. O SAF inclúe tamén partidas para emerxencias sociais e eficiencia enerxética.
“En definitiva”, concluíu o Alcalde, “quero insistir en que os 2 piares que son a base fundamental destes orzamentos, son os servizos sociais e as inversións, o que demostra que a bandeira deste Equipo de Goberno é a preocupación social, e que todo xira arredor das persoas, e tamén na mellora da cidade e das parroquias”. “Con estes datos, queda claro que estes orzamentos son os máis sociais da historia do Concello de Monforte, o que demostra que temos unha preocupación máis social, que queda explicitada nestes orzamentos, que é onde hai que demostralo aportando recursos”. “Como vén, estes orzamentos vannos permitir seguir mellorando a nosa cidade, tal y como vimos facendo ano tras ano, polo que os orzamentos están pensados unicamente por e para os monfortinos e as monfortinas, é dicir, están pensados en Monforte de Lemos”.
Neste senso, os orzamentos para o 2024 manteñen as liñas xerais de anos anteriores, “porque Monforte evoluciona ben, porque Monforte vai ben, nos que procuramos reducir o máximo o gasto corrente non prioritario para atender ás áreas de gasto que para nós son prioritarias, e sen incrementar os impostos, xestionando ben os recursos propios e conseguindo financiación doutras administracións”. As prioridades dos orzamentos son a atención as persoas, a mellora da cidade, o deporte, a cultura e o medio ambiente. “Como se pode ver, son uns bos presupostos para Monforte e por todo isto, esperamos que o resto dos grupos municipais tamén apoien co seu voto este orzamento que levaremos ó Pleno do vindeiro luns 27 de novembro, uns orzamentos que, reitero, son bos para Monforte, e non hai razóns obxectivas para non apoialos, salvo si se practica a política do non polo non, que serán aprobados en todo caso, pola ampla maioría absoluta que elixiron os veciños e veciñas de Monforte”, concluíu José Tomé.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

CONCURSO DE TAPAS DA GUIMARALIA

Seguinte Nova

Magnífico comezo de liga do CB Sarria preinfantil

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss