
A agrupación local do PSdeG en Pantón alzou a voz para denunciar a recente aprobación dunha suba no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) por parte do equipo de goberno, do Partido Popular, no último pleno municipal. Segundo o voceiro socialista, Roberto Prado Díaz, esta medida terá “consecuencias nefastas para os petos das familias”, cun incremento do 0,49% ao 0,55%, que se traduce nun aumento aproximado de 45.000 euros nos ingresos municipais. Prado Díaz recordou que en maio do ano pasado presentaron unha moción para reducir o IBI, en resposta ás peticións veciñais, propondo diminuír o gravame do 0,49% para bens inmobles de natureza urbana e rústica. Sinalou a falta de interese do goberno local pola economía das familias, acusándoos de priorizar os seus intereses sobre as necesidades da comunidade, mentres que os impostos para as grandes fortunas baixan. O voceiro socialista tamén criticou o incumprimento das promesas do Alcalde e da Xunta de Galicia en relación á cobertura da praza do terceiro médico para o Centro de Saúde local. Denunciou a falta de información sobre este compromiso nos orzamentos da Xunta para o 2024, cualificando as promesas de “fume” e demandando accións reais para mellorar a asistencia sanitaria en Pantón.
RESPOSTA DO ALCALDE JOSÉ LUÍS ÁLVAREZ
Na resposta do equipo de goberno do PP, o alcalde José Luis Álvarez explicou que a suba do IBI estaba relacionada coa revisión catastral do 2016, cando se cobraron 4 anos con carácter retroactivo. Destacou que, incluso co incremento ao 0,55%, Pantón segue a ser o concello da zona sur con menor IBI, cunha valoración catastral do ano 89. O Alcalde insiste na volta a unha normalidade, despois de ter un IBI moi baixo, “Non se entende que a oposición proteste por esta cuestión, volvemos ao que tiñamos antes e non representa ningún perxuizo, cando nos concellos nos que gobernan BNG e PSOE cóbrase un IBI superior. Concellos como Sober poden baixar a base impositiva porque teñen unha valoración catastral do 2020”. A Pobra do Bollón, Monforte de Lemos, Ribas de Sil ou Quiroga teñen un IBI de máis do 0,60, polo que o alcalde non entende a esixencia con Pantón. Argumentou a necesidade de nivelar as contas municipais tras anos de menor recadación. Por outra parte, José Luis Álvarez non entende que o BNG ataque ao soldo das dúas concelleiras que teñen dedicación parcial, “Teñen un soldo por cumprir co seu traballo como encargadas de asuntos sociais e turismo. Veñen todos os días a traballar e é sorprendente que unha señora que gaña tanto como as dúas xuntas se atreva a criticar o que cobran unhas concelleiras que teñen o seu cometido”.•
non me foi posible comunicarme por teléfono co Concello. A miña solicitude e que envien os recibos relativos a casa que temos en Goian ref. cat. 270041A031001740001SU o nome de calquer dos herdeiros (actualmente María Teresa Casal Rajo) enderezo lugar Goian 6. Este ano 2024 non recibimos o correspondente recibo. En canto o aumento do IBI do 2024 con respeito o 2023, do 12% (¿temos algún tipo de penalización?)
Grazas po la sua resposta