Tecnoloxía dixital para pasear polo Portomarín orixinal antes de ser anegado polo encoro de Belesar

A antiga vila luguesa volve á vida grazas á realidade e a un rigoroso traballo de investigación en patrimonio dentro do proxecto de realidade virtual do Galiverso. Fotos GPXG.

Vense de presentar un novo proxecto de dixitalización do patrimonio, para ofrecer a oportunidade de explorar a antiga vila de Portomarín tal como era antes de quedar baixo as augas do río Miño en 1963 coa construción do encoro de Belesar. Este proxecto, coñecido como Galiverso, está integrado na oferta cultural da Cidade da Cultura, proporcionando unha experiencia única de realidade virtual. Máis de 250 casas, con tellados de lousa característicos, as cepas e a vexetación circundante, o río Miño e edificios emblemáticos como o Hospital de Peregrinos e a igrexa de San Nicolás foron recreados ao detalle en Galiverso. Este proxecto é resultado do traballo colaborativo entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a Fundación Cidade da Cultura e o Concello de Portomarín.
O secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, xunto co director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presentaron a iniciativa no Museo Centro Gaiás. O alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, veciños e o equipo de investigadores en patrimonio e especialistas en arte dixital e programación tamén estiveron presentes na presentación. Os profesores de Historia da Arte da USC, Jesús Ángel Sánchez García e Julio Vázquez Castro, xunto cos especialistas do Centro Infográfico Avanzado de Galicia, Carlos Paz de Lorenzo e Anxo Miján Maroño, e Carlos Seijo, do estudio dixital Maxina, foron parte do equipo que fixo realidade esta experiencia virtual.
Manuel Vila destacou o traballo exhaustivo deste equipo multidisciplinar, que utilizou máis de 40.000 fotografías, entrevistas cos veciños e filmes da Filmoteca de Galicia para reconstruír o vello Portomarín. A iniciativa busca non só preservar a memoria da vila, senón tamén ofrecer a oportunidade de coñecer de primeira man como era a vida antes do asolagamento.
O Galiverso está dispoñible no Museo Centro Gaiás de martes a venres en horario de tarde de 16:00 a 20:00 horas, e sábados, domingos e festivos (excepto luns), de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 20:00 horas. A visita é gratuíta con reserva de praza a través de Ataquilla.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Un paso adiante para a AIE Ribeira Sacra Next

Seguinte Nova

O CCU Sarria pon en marcha a campaña Mellor comercio da túa vila

Últimas noticias sobre NOVAS TECNOLOXÍAS

Ir aInicio

Don't Miss