A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, protagonizaron unha enriquecedora charla no IES A Pinguela dentro da campaña “Ti Elixes”, un proxecto que busca promover a presenza feminina en profesións tradicionalmente masculinizadas.
Os alumnos receptores desta actividade que presentaron Alejandro Sánchez, de ASIME (Asociación de Industrias del Metal de Galicia), e Sonia Soto de LMB Twice SLU (empresa lucense de fabricación mecánica especializada en el mecanizado) , foron os dous grupos de 3º ESO que valoraron moi positivamente uns contidos que pretenden sobre todo desterrar estereotipos de xénero e mostrar realidades laborais distintas á hora de encamiñar os mozos e mozas o seu futuro profesional.
Elena Mancha enfatizou a importancia de elixir unha profesión baseándose nas habilidades, capacidades e motivacións persoais, rompendo así cos estereotipos de xénero que limitan a elección de determinados campos laborais por mulleres. “As profesións non son só de homes ou de mulleres”, sinalou Mancha.
COMBATIR OS ESTEREOTIPOS DE XÉNERO EN PROFESIÓNS RELACIONADAS COAS TIC
“Ti Elixes” é unha campaña audiovisual que se está a desenvolver en 75 centros educativos galegos para combater os estereotipos de xénero en profesións como as relacionadas coas TIC, nas que a presenza feminina é menor. A iniciativa inclúe charlas e actividades impartidas por persoal formador especializado en igualdade laboral e mulleres referentes en sectores tradicionalmente masculinizados.
Neste contexto, Mancha anunciou que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 inclúen 2,25 millóns de euros destinados a fomentar a presenza feminina en profesións masculinizadas. O obxectivo é formar e contratar aproximadamente 300 mulleres, cubrindo así vacantes laborais de difícil cobertura e contribuíndo á redución da fenda salarial.
A axuda prevista ascende a un máximo de 7.500 euros por muller insertada, cubrindo custos de formación, prospección e contratación. Este programa busca non só facer fronte ás demandas laborais en sectores con baixa presenza feminina, como a condutora de camión, senón tamén reducir a fenda salarial que afecta determinados tipos de traballo.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou a conexión desta campaña coa Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, onde se fomenta a coeducación nas aulas. A través da análise dos estereotipos de xénero e da difusión de boas prácticas educativas, a campaña procura contribuír á igualdade e eliminar os estereotipos de xénero no ámbito laboral.
“Ti Elixes” representa un paso importante cara unha sociedade máis igualitaria e inclusiva, onde a libre elección profesional non estea condicionada por xénero algunha.•