
Foto Arquivo.
O Grupo Provincial Popular expresou a súa preocupación pola subida «ínfima» do Plan Único da Deputación de Lugo para o ano 2024, sinalando que non reflicte un compromiso real coa cooperación e solidariedade cos concellos máis pequenos da provincia.
Segundo Antonio Ameijide, portavoz do Grupo Provincial Popular, o aumento de 250.000 euros anunciado polo goberno provincial será repartido entre os cinco concellos máis poboados, o que consideran unha medida que favorece aos que xa dispoñen de máis recursos. Ameijide advirte que, tendo en conta a inflación, unha subida do 1% é, na práctica, unha baixada nas achegas da Deputación aos concellos, o que, segundo o popular, «condena a facer menos polos seus veciños».
O portavoz popular destaca que os cinco concellos máis poboados, que tamén son beneficiarios habituais dos convenios asinados polo presidente José Tomé, verán un incremento do 10% nos fondos procedentes do Plan Único. Pola contra, a maioría dos concellos non superará o 1% de subida ou, incluso, experimentarán baixadas, afectando máis da metade dos concellos da provincia.
Ameijide critica o que el denomina «caciquismo moderno ou municipalismo de amiguetes» por parte do goberno provincial.
O Grupo Provincial Popular demanda un aumento máis ambicioso, propoñendo un incremento do 30% no Plan Único. Tamén instan a que o anticipo dos fondos chegue ao 90%, sen estar condicionado pola incorporación de remanentes na Deputación de Lugo.
Ademais, desde o Grupo Popular reclaman que as bases do Plan sexan máis flexibles, permitindo destinar unha porcentaxe ao financiamento de gastos correntes das administracións locais, co obxectivo de axudar realmente aos concellos que máis o precisan.
O cambio de nome do Plan, que agora se coñecerá como «Plan Deputación», tamén suscita críticas por parte dos populares, que consideran que o importante é o compromiso coa cooperación cos concellos en lugar de resaltar a orixe dos fondos.
Deste xeito, a polémica arredor do Plan Único da Deputación de Lugo para o 2024 continúa acentuando as discrepancias entre os diferentes sectores políticos na provincia, con voces críticas que reclaman unha xestión máis solidaria e equitativa dos recursos.•