O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade un acordo entre o Grupo Popular e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) para recoñecer oficialmente o «Camiño Eufrasiano». Este itinerario, que conecta os camiños Francés, a Ruta da Prata e o Camiño de Inverno no Val do Mao, percorre os Concellos de Sarria, Samos, O Incio, A Pobra do Brollón e O Courel.
A vicervoceira popular, Raquel Arias, destacou o valor cultural, patrimonial e ambiental desta ruta, sinalando que é unha oportunidade de turismo cultural e medioambiental moi importante. Subliñou o traballo dos concellos de O Incio e Samos, así como da Asociación do Camiño Eufrasiano. Arias agradeceu a colaboración e destacou que este é un paso importante para a promoción deste itinerario histórico.
Pola súa banda, a deputada do BNG, Carme Aira, celebrou o apoio unánime da Cámara galega á proposta defendida pola propia deputada para incluír o “Camiño Eufrasiano” de maneira oficial dentro do conxunto dos camiños de Santiago.
O acordo do Parlamento insta á Xunta a analizar coa colaboración dos concellos de Sarria, Samos, O Incio, A Pobra do Brollón e O Courel a existencia de documentos que xustifiquen a historicidade como ruta de peregrinación a Santiago de Compostela do camiño de San Eufrasio, dentro do marco da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Tamén se buscarán outras alternativas para dar a coñecer a historia de San Eufrasio vinculada cos concellos mencionados.
Para Aira, este acordo inicia o “primeiro paso” para recoñecer a singularidade do concello do Incio e o seu valor histórico e patrimonial. Lembrou elementos destacados, como a Igrexa de S. Pedro Fiz de Hospital do Incio, feita en mármore da zona, ou o campo de mámoas “máis grande de Galiza”.
A Deputada do BNG destacou que poñer en valor o patrimonio atrae á xente, e esa relación produce un retorno económico que permite actualizar o patrimonio e xerar riqueza, situando aos concellos no mapa e garantindo o seu futuro. Os camiños actuarían de escusa perfecta para poñer en valor todo un territorio e o seu valor cultural, ambiental, natural e xeolóxico..•