José Tomé Roca foi nomeado vogal do órgano de xestión deste organismo na Asamblea Xeral que se celebrou na cidade portuguesa de Vila Nova de Famalicão
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, reivindicou as necesidades da provincia de Lugo dende a Executiva do Eixo Atlántico. O seu nomeamento como vogal do novo órgano de xestión deste organismo produciuse na Asamblea Xeral que se celebrou na cidade portuguesa de Vila Nova de Famalicão. Asistiron alcaldes e concelleiros das 42 entidades galegas e portuguesas. Á reunión asistiu a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, que asumirá a Vicepresidencia da Mesa da Asamblea Xeral. A reunión tivo lugar no Centro de Estudos Camilianos, onde se presentou o informe de xestión política dos últimos catro anos, coa xerencia presidida pola exalcaldesa de Lugo, Lara Méndez. O Presidente da Deputación valorou o traballo do Eixo dos últimos anos e seguirá defendendo os intereses da provincia. A asemblea aprobou un programa para 2024 cun orzamento de 4,8 millóns de euros, centrado en mellorar a competitividade para o desenvolvemento económico e en frear o despoboamento no interior da Eurorrexión.
No que ten que ver coas infraestruturas, continuou a presión a ambos gobernos pola liña Ferrol- A Coruña- Lisboa, onde se avanzou na licitación do estudo informativo previo do primeiro tramo da saída Sur de Vigo que realizou o Goberno de España e que levaba máis dunha década paralizado. Ademais, na actualidade estase traballando na xestión da liña norte Ferrol-A Coruña e Lugo-Monforte, así como a súa inclusión no Corredor Europeo do Atlántico.•