O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou o comezo da licitación para a construción da nova Comisaría da Policía Nacional na cidade, marcando un día histórico para Monforte e os seus veciños, logo dos moitísimos anos que se leva falando deste proxecto, sen que ata o de agora fixésese realidade.
Esta nova sede proporcionará instalacións modernas e funcionais para albergar todos os efectivos policiais e mellorar a atención prestada á comunidade.
ANTIGA CASA DE SOCORRO
O proceso de licitación, que ven de ser publicado no Boletín Oficial del Estado polo Ministerio del Interior do Goberno de España, representa un paso definitivo para a creación dun edificio propio para a Comisaría, localizado na antiga Casa de Socorro, coñecida tamén como o centro de Sanidade, na Avenida de Galicia.
José Tomé destacou que este logro é resultado do seu compromiso desde o inicio do mandato, traballando para que a nova Comisaría se instalase na nova ubicación da cidade. Ademais, o Alcalde subliñou que este proxecto é parte dunha serie de investimentos importantes na cidade, coñecidos tamén pola modernización da vía Lugo-Monforte-Ourense, cun orzamento de 546 millóns de euros.
O orzamento de contratación para esta significativa obra é de 3.880.587,59 euros, cun prazo de 13 meses de duración unha vez adxudicada. A licitación seguirá o procedemento aberto simplificado, e as ofertas poderán presentarse ata as 9:00 h do 19 de xaneiro de 2024. Os criterios de adxudicación inclúen o prezo máis baixo (70%), memoria descritiva (20%) e aumento do prazo de garantía (10%).
INSTALACIÓNS MODERNAS
O Alcalde expresou a súa satisfacción polo feito de que os veciños e veciñas de Monforte contan agora con instalacións modernas e propias para a Policía Nacional, afirmando que esta nova dotación reforzará a presenza da Policía Nacional no concello.
O edificio cedido para a Comisaría conta con 2.282 metros cadrados de terreo e 1.882 metros cadrados construídos, distribuídos en semisótano, planta baixa, planta alta e planta baixo cuberta.
A reforma incluirá áreas como zona de detención, oficinas de atención ao público, zonas máis privadas da comisaría e vivenda para os efectivos.
Desde o equipo de goberno do concello de Monforte, consideran que este avance representa un compromiso continuo do coa seguridade cidadá e unha contribución significativa á mellora das condicións de traballo para os profesionais encargados de vixiar e protexer a comunidade.•