
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a impulsar unha importante actuación para mellorar o abastecemento de auga potable nas parroquias de San Vicente de Castillón, Santiago de Castillón e Santo Estevo do Mato, pertencentes ao concello de Pantón.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou os traballos, que contan cun investimento aproximado de 600.000 euros.
A obra inclúe a construción dun pozo de 120 metros de profundidade para a captación de auga subterránea, equipado cunha bomba somerxible de 4 kw. Ademais, está prevista a creación dun depósito de cabeceira con estrutura de formigón armado, cunha capacidade de 100 m3, xunto cunha caseta adxacente que albergará a cámara de chaves, un grupo de presión e un novo sistema de cloración.
O proxecto contempla tamén a instalación de dúas redes de abastecemento de auga potable que percorrerán case 13 quilómetros de tubaxe soterrada, conectando o depósito de regulación cos núcleos rurais. Estas melloras beneficiarán directamente a unha poboación estimada de 239 habitantes equivalentes.
Javier Arias subliñou a importancia desta actuación da Xunta de Galilcia, que busca garantir servizos básicos en pequenos núcleos rurais.•