Monforte acolleu un foro empresarial para o “Impulso do Desenvolvemento Empresarial da Provincia de Lugo”

Os participantes no Foro Empresarial para o “Impulso do Desenvolvemento Empresarial da Provincia de Lugo”, posando no Centro do Viño. Foto CEL.

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) congregou en Monforte de Lemos a preto de medio centenar de empresarios nun foro empresarial titulado “Impulso do Desenvolvemento Empresarial da Provincia de Lugo”. O evento, apoiado pola Deputación de Lugo, dividiuse en tres bloques temáticos, onde se debateron aspectos clave para fortalecer o tecido empresarial e contribuír ao desenvolvemento social e económico.
O foro abriuse coas palabras de Eduardo Valín, conselleiro delegado da CEL, e José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos. Ambos destacaron a necesidade de abordar a perda de poboación en provincias como Lugo e subliñaron a importancia de reforzar servizos públicos como elemento crucial para consolidar o tecido empresarial.
Os participantes abordaron temas como os polos industriais no ámbito rural, infraestruturas, proxectos empresariais e impacto demográfico. Entre os relatores, destacaron consultores estratéxicos en transportes e mobilidade, enxeñeiros de recoñecido prestixio, e expertos en sectores clave.
Manuel Barreiro e Silvia Pérez, consultores en transportes e mobilidade, subliñaron a loxística como motor do desenvolvemento económico e instaron a analizar e diagnosticar a situación actual do sector empresarial de Lugo. Propuxeron a incorporación do ferrocarril por parte das pequenas e medianas empresas para mellorar a eficiencia.
Antonio Fontenla, presidente da CEC, incidiu na importancia de acceder en igualdade de condicións ao mercado global e destacou a relevancia das liñas de mercadorías “Coruña – Lugo – Monforte e Coruña – Ferrol” na rede ferroviaria.
Isabel Pardo de Vera, exSecretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Goberno de España, enfatizou a necesidade de coñecer as necesidades das pemes para facer viables investimentos en infraestruturas como o ferrocarril.
Óscar Gómez Barbeiro, director xeral de Negocios e Operacións de Renfe, manifestou o impacto demográfico positivo de proxectos como o Centro de Competencias Dixitais en Monforte, especializado en ciberseguridade.
Pola súa parte, José Tomé Roca, Presidente da Deputación de Lugo, no acto inaugural do foro, reivindicou a necesidade dun plan industrial para a provincia e para o conxunto de Galicia, despois de 15 anos sen ningún proxecto da Xunta, “nin bo nin malo. Ningún”. Recalcou a importancia do emprego, “a clave”, xunto aos servizos públicos, para fixar poboación no rural, subliñou.
No encontro, celebrado no Centro do Viño, o Presidente da Dputación, xunto ao presidente da CEL, Eduardo Valín Fernández, incidiron en que con esta nova iniciativa da Deputación en colaboración co Confederación de Empresarios buscase “seguir aportando medidas que xeren riqueza para mellorar a vida das persoas, e que axuden a combater o despoboamento, un dos principais problemas que temos como país”.
O foro contou coa participación de representantes de diversas organizacións empresariais de Lugo e Galicia, así como CEOs de empresas locais, e serviu como plataforma para abordar estratexias colectivas e solucións que impulsen o desenvolvemento económico e social da provincia de Lugo.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Doazón ao Museo Pazo de Tor: unha nova folla no libro da familia Garza

Seguinte Nova

Presentado o percorrido da terceira edición da Volta Ciclista O Gran Camiño

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: