O pasado sete de febreiro, na xornada «Impulso e sinerxías» organizada polo Polo de Emprendemento de Monforte de Lemos, en colaboración coa Asociación CCU Monforte e a Asociación de Interese Económico Ribeira Sacra, a directora xeral de Emprendemento, Margarita Ardao, puxo de manifesto «o apoio decidido da Xunta de Galicia ás iniciativas empresariais e ao traballo autónomo».
AXUDAS
AO EMPRENDEMENTO
Ardao detallou o amplo abano de axudas dispoñibles neste inicio de ano, coa intención de fomentar o desenvolvemento económico e a competitividade do tecido empresarial galego. Con orzamento de 6,5 millóns de euros, as axudas ao emprendemento ofrecen unha oportunidade crucial para persoas traballadoras autónomas, mutualistas, pemes e entidades de economía social.
As subvencións, que variarán en función do investimento realizado, cubrirán gastos vinculados a equipamento informático, eficiencia enerxética, equipamento e mobiliario, así como a reformas de instalacións. Estas axudas, que van desde os 3.000€ aos 30.900€, están deseñadas para impulsar as iniciativas empresariais e contribuír ao crecemento económico da rexión.
A directora xeral destacou tamén o papel fundamental dos doce polos de emprendemento distribuídos por toda Galicia, os cales ofrecen apoio e asesoramento técnico para aqueles que desexen iniciar unha actividade empresarial. Ademais, resaltou as medidas adicionais que a Xunta está a implementar, como a cobertura da cota reducida para novos autónomos e os incentivos á contratación de persoal.•