O presidente e candidato do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, presentou en Lugo o programa electoral co que aspira a obter a súa primeira maioría absoluta, ofrecendo un total de 870 medidas baseadas nas prioridades dos galegos e pensadas para manter a Comunidade como un referente de serenidade, apertura, fiabilidade e traballo en unión.
A GALICIA QUE FUNCIONA
Bautizado como «O programa da Galicia que funciona», o documento abrangue 177 páxinas e reflicte o compromiso dos populares con políticas realistas e adaptadas ás necesidades da cidadanía. Entre as medidas máis destacadas, Rueda subliñou o compromiso de duplicar o parque público de vivenda en Galicia, pasando das 3.800 vivendas actuais a 8.000 en 2028. Ademais, prevése que para ese mesmo ano haxa dispoñibles 20.000 vivendas protexidas en réxime de alugueiro a prezos accesibles para os galegos.
COMPROMISOS REALISTAS
O presidente do PPdeG fixo fincapé na importancia de establecer compromisos realistas e alcanzables, distanciándose así das promesas irresponsables de outros partidos.
Alfonso Rueda indicou que o seu programa electoral é un documento onde se recolle a Galicia que quere e que é o resultado de analizar o que se fixo nestes e o que se quere facer a partir do 18 de febreiro. De aí que incidise na importancia de obter a credibilidade e a confianza da xente a través do cumprimento da palabra dada: “O primeiro desafío dun político é ter palabra, porque quen ten palabra xera confianza. E a confianza gáñase prometendo só aquilo que sabes que podes facer”. “Nós non temos unha folla de ruta en branco. O que temos é un balance de xestión de 15 anos con acertos e erros, pero coa confianza de que cada vez que os galegos examinaron o feito e o que nos comprometemos a facer, outorgáronos a súa confianza”, afirmou para acto seguido referirse a aqueles que “prometen calquera cousa porque nunca gobernaron” e aos que “en canto gobernaron houbo que botalos”.
Ese balance é no que Rueda quere apoiarse “para que a xente crea que o que queremos vai ser unha realidade ao igual que o foi todo aquilo do que agora mesmo podemos presumir”. E puxo como exemplo disto o incremento das exportacións de Galicia, as baixadas de impostos, o aumento do investimento na sanidade pública, a implantación da gratuidade das escolas infantís, a redución da taxa de abandono escolar, o liderado na loita contra o cambio climático ou a creación de 30.000 novos postos de traballo nestes anos.
Rueda tamén fixo fincapé na independencia da Comunidade, afirmando que non dependerá de acordos ou renuncias, senón que centrará os seus esforzos en pactar coa cidadanía. «Se os galegos me dan a súa confianza, eu só pactarei coa xente á que lle pido esa confianza a través deste programa», afirmou.
CRÍTICAS AO GOBERNO CENTRAL
O presidente do PPdeG tamén aproveitou para criticar a actitude do Goberno central, exemplificada pola visita de Pedro Sánchez a Ferrol, onde prometeu unha fragata que «hai uns meses o propio Goberno central dicía que non ía facer». Rueda afeou ao nacionalismo galego a súa «complicidade necesaria» ao respecto destes agravios e a súa incapacidade para «non conseguir nada» de Pedro Sánchez «a costa de tomarlle o pelo aos galegos». Unha actitude ao que, engadiu, os galegos xa están tristemente acostumados. “Cando o candidato socialista presume de ser o gran conseguidor, o que realmente está a mostrar é como funcionan realmente os partidos que prometen moito e non fan nada: e seis anos de Goberno socialista en España, nada para Galicia e todo agora a tres semanas das eleccións”, explicou.
Unha situación de incumprimento xeneralizado que fixo extensiva a outras cuestións de gran importancia para Galicia como as referidas á situación de empresas como Altri ou Alcoa, ou a situación de infraestruturas como a A-6. “Non podemos tolerar que se lle dea aos de sempre o que se nos nega a todos os demais. Eu non quero que se lle negue nada a ninguén, pero non vou permitir que a nós se nos negue aquilo ao que temos dereito”, concluíu Rueda afeando ao nacionalismo galego a súa “complicidade necesaria” ao respecto destes agravios e a súa incapacidade para “non conseguir nada” de Pedro Sánchez “a costa de tomarlle o pelo aos galegos”.
A presentación do programa electoral do PPdeG en Lugo marcou o inicio dunha intensa campaña electoral, na que Alfonso Rueda e o seu equipo buscarán gañar a confianza dos galegos.•