O emblemático Oso de Salcedo, unha das celebracións máis arraigadas do Entroido na Pobra do Brollón, viuse envolto nunha polémica tras a colocación dunha pancarta electoral do Partido Popular nun lugar non autorizado. Ante esta situación, tanto o PSOE como o BNG solicitaron a convocatoria dun Pleno Extraordinario para esclarecer o acontecido.
Ambas formacións políticas consideran que a instalación da pancarta constitúe unha acción prexudicial para a vida democrática e a convivencia na zona. Por iso, convocaron un Pleno urxente no que acordaron elevar unha queixa formal ante a Xunta Electoral de zona.
O Pleno,celebrouse o pasado xoves 15 de febreiro ás 12:30 no Salón de Plenos do Concello da Pobra do Brollón, estivo aberto á participación da cidadanía interesada. Durante a sesión, solicitáronse explicacións ao Partido Popular sobre o ocorrido durante a celebración do Oso de Salcedo, onde a pancarta electoral estaba visiblemente exposta. O alcalde de A Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda (BNG), e o líder do PSOE local, Adolfo Rubio, cualificaron o ocorrido como “grave para a convivencia democrática” e instaron a que se aclarase nos canais adecuados. A situación preocupa ao BNG, que considera que esta acción constitúe un intento de politización dunha tradición comunitaria e unha falta de respecto á cidadanía.
Dende o BNG, condenan as accións do PP e subliñan a súa falta de respecto pola cidadanía e as institucións.
O certo é que nada máis chegar a Salcedo, sobre unha inmensa marea de xente, chamaba a atención unha enorme pancarta, situada entre dúas vivendas levantadas unha fronte a outra e deixando un estreito paso no medio de ambas, pedindo o voto para o PP nas eleccións autonómicas do pasado domingo.
O cartel foi moi comentado entre os centos de asistentes ao Oso de Salcedo e incluso foi obxecto de bromas, tan típicas do Entroido. Actuou a charanga Mekanika Rolling Band, que usa lume no seu espectáculo. Cando pasaron por debaixo da pancarta, o público comezou a gritar lume, lume.
O BNG afirmou este martes que o cartel foi colocado “poucas horas antes da celebración do Oso de Salcedo” nunha zona “non autorizada pola xunta electoral”. O lugar, especifican os nacionalistas, era “moi visible” coa clara intención, engaden, “de aproveitar a gran concentración de persoas que xera este evento”. Desde o BNG aseguraron que entre os veciños de Salcedo hai “malestar xa dos días anteriores”.
Durante unha sesión de teatro “distribuíanse instantáneas en redes corporativas e persoais dos membros do PP cunha pancarta da Xunta de Galicia, mimetizando as imaxes institucionais coas da campaña”. •