O Concello de Sober anunciou o nome da persoa encargada de pronunciar o pregón da XLIV Feira do Viño de Amandi. Trátase da xornalista e presentadora de televisión Lucía Rodríguez, unha auténtica representante da terra, coa súa raíz profundamente arraigada na Ribeira Sacra, dado que o seu pai é de Sober, de Neiras, e a súa nai de Castro Caldelas. O alcalde de Sober destacou que Lucía Rodríguez é unha grande embaixadora do concello e mostrou a súa satisfacción por contar coa súa presenza neste evento tan importante para a promoción dos viños da zona.
Lucía Rodríguez ten unha traxectoria profesional destacada. Comezou a súa carreira como reporteira en medios nacionais como Antena 3 Noticias e Telemadrid para logo regresar a Galicia e desenvolver unha prolífica carreira na televisión autonómica. Presentou e participou en varios programas de éxito, como «Desexos Cumpridos», «Aquí Galicia», «Que nos pille Rebolando» e «Comando G». Actualmente, é a presentadora de «Xente Marabillosa», polo que en 2024 recibiu o Premio Iris da Academia da TV en Madrid. Confesa que unha das súas paixóns é facer rutas en moto pola Ribeira Sacra, perdéndose polos miradoiros da contorna do Miño e do Sil nas tardes solleiras da primavera.•