O servizo de Emerxencias 112 Galicia refórzase coa incorporación de novas tecnoloxías con Intelixencia Artificial

O CIAE 112 participa na mellora da coordinación telemática en tempo real, así como nun proxecto de xeolocalización con drons

Na imaxe, Sonia González Vázquez, doctora enxeñeira do Instituto Tecnolóxico de Galicia, explica a inspección visual automatizada das imaxes capturadas polas cámaras duais (RGB e térmica) que portan os drons. Unha tecnoloxía basada en Intelixencia Artificial que permite procesalas e analizalas en tempo real, sen intervención humana e tanto de día como de noite. ITG

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia é o eixe no que se apoia a integración e coordinación dos servizos de atención ás emerxencias. O CIAE 112, dependente da Axencia Galega de Emerxencias, está a mellorar as súas prestacións mediante o reforzo das novas tecnoloxías, que buscan unha maior rapidez na reposta e actuación ante unha emerxencia. Xunto a estas medidas, estase a continuar cos simulacros habituais en empresas, portos e aeroportos, para ter ao día a coordinación de todos os medios.

INCREMENTO DOS AVISOS NO 112 DENDE O SISTEMA E-CALL DOS VEHÍCULOS
Nos últimos anos, a aposta da Xunta de Galicia polas novas tecnoloxías aplicadas á atención ás emerxencias materializouse en varias medidas. Dende 2020, estanse a incrementar os avisos rexistrados no CIAE 112 a través do E-Call, un sistema de comunicación directa das emerxencias desde o vehículo do usuario. Este sistema, que é obrigatorio en todos os vehículos de nova homologación en Europa dende 2018, permite reducir os tempos de resposta dos diferentes servizos de intervención, mellorando así a súa coordinación e eficacia.

NOVA APP PARA COORDINAR MELLOR AS EMERXENCIAS, CON DATOS EN TEMPO REAL DENDE O PUNTO DE INCIDENCIA
Por outra banda, o Goberno galego está a avanzar na implantación dunha nova aplicación que facilite a comunicación e o traslado de datos das incidencias entre o 112 e os demais organismos galegos de Protección Civil. Con este dispositivo, poderase navegar ata o punto onde se localiza a incidencia, trasladando imaxes e vídeos en tempo real cos que apoiar a toma de decisións, especialmente en grandes emerxencias.
DRONEFINDER, UN PROXECTO DE DRONS PARA BUSCAR PERSOAS DESAPARECIDAS QUE XA É UNHA REALIDADE
No CIAE 112 tamén se está a incrementar o número de incidencias con persoas desaparecidas nas que se facilitaron as coordenadas, o que fai necesario apostar máis por tecnoloxías eficientes neste eido.
Con esta finalidade, a Axencia Galega de Emerxencias de Galicia continúa a participar en proxectos de colaboración co Instituto Tecnolóxico de Galicia relacionados con drons. Este tipo de dispositivos incorporan tecnoloxía que permite voar de forma autónoma controlada desde ubicacións remotas.
En xaneiro, presentouse o DroneFinder, un sistema de busca de persoas desaparecidas. Este proxecto, que xa é unha realidade, pon en valor o selo innovador de Galicia para poñer a tecnoloxía ao servizo da sociedade con solucións que melloran ámbitos, como a sanidade, a educación ou a seguridade. O proxecto DroneFinder foi desenvolvido por unha unión temporal de empresas integrada por Aeromedia, Indra e o Instituto Tecnolóxico de Galicia para a Axencia Galega de Emerxencias. Este sistema pioneiro, que conta co financiamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través de fondos FEDER, vai optimizar tanto a prevención como os operativos, sobre todo no caso de persoas desaparecidas de xeito involuntario debido a patoloxías relacionadas co deterioro cognitivo.

MÁIS TECNOLOXÍA ORIENTADA Á XEOLOCALIZACIÓN PARA A BUSCA DE PERSOAS DESAPARECIDAS
De xeito paralelo, incrementouse o número de dotacións tecnolóxicas nos equipos do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias na busca de persoas desaparecidas. Este grupo vén de colaborar, dende a súa posta en marcha en 2016, en máis dun cento de dispositivos de busca. Durante este periodo, adquiriu novos equipos de traballo, como cámaras térmicas ou con visión nocturna, ademais de implantar medidas para avanzar nun novo modelo de operativo baseado na xeolocalización.

Equipamento do Grupo de Apoio Loxístico de Intervención (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias que agora incorpora drons. AXEGA

OUTROS EQUIPAMENTOS QUE OFRECE O GRUPO DE APOIO LOXÍSTICO
Ademais, a Axencia Galega de Emerxencias ofrece, a través do Grupo de Apoio Loxístico, elementos especializados como carpas modulares, aeronaves non tripuladas por remoto ou vehículos anfibios con ferramentas para o traslado de persoas dende zonas de difícil acceso ata un lugar seguro. Este sistema tradicional de atención ás incidencias continúa na mellora constante en coordinación e eficacia, aínda que se está a derivar de xeito decidido cara ao novo modelo de actuación baseado na xeolocalización. Por iso, a aposta polas novas tecnoloxías en proxectos como o DroneFinder garantirá a seguridade da cidadanía e contribuirá a unha sociedade galega segura. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Lucía Rodríguez será a pregoeira da XLIV Feira do Viño de Amandi

Seguinte Nova

Saleta Fernández, subcampiona de España

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

Ir aInicio

Don't Miss