O pasado 9 de marzo, o Boletín Oficial da Provincia divulgou as bases das subvencións para clubs e entidades deportivas no 2024, cun orzamento de 600.000 euros. As entidades teñen a oportunidade de acceder a dúas liñas distintas. A primeira, destinada á actividade competitiva, ofrece axudas que varían entre os 500 e os 5.000 euros, permitindo aos clubs cubrir gastos en material deportivo, equipacións, transporte, fichas, arbitraxe, persoal ou alugueiro de instalacións, entre outros. A segunda, para a organización de eventos, ofrece axudas entre os 500 e os 2.000 euros. Na selección das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, valoraranse criterios obxectivos vinculados ao rendemento deportivo, á incidencia social do club, ao ámbito territorial, aos anos de creación da entidade ou ao persoal contratado, seguindo os baremos establecidos nas bases da convocatoria.
Prímase, de forma trasversal, aos clubs con equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes, subliñando o compromiso coa igualdade e a inclusión.
As entidades poden solicitar estas axudas dende o luns, 11 de marzo, nun prazo de 10 días hábiles, ata o 22 de marzo. Toda a información necesaria estará dispoñible na lweb da Deputación de Lugo.
O vicepresidente e deputado de Deportes Efrén Castro sinalou que estas subvencións representan a principal liña de investimento da área de Deportes, evidenciando o compromiso da Deputación coa promoción do deporte e o mantemento do tecido deportivo local. Na pasada anualidade, estas axudas chegaron a 330 clubs de todas as comarcas, consolidando o seu impacto no ámbito deportivo da provincia.•