O Equipo de Goberno do Concello de Monforte, vén de anunciar, nunha rolda de prensa, un proxecto que mellorará o entorno das instalacións deportivas e residenciais da zona da Pinguela. A iniciativa abordará a mellora das vías, aparcadoiros e beirarrúas nos arredores do Campo de Fútbol, Pavillón Polideportivo, Piscina e Pistas de Tenis. Acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, o Alcalde José Tomé Roca, destacou que o proxecto representa un paso adiante na rexeneración da Pinguela tras a reforma do Pavillón Polideportivo no ano 2023, cunha inversión de case 4 millóns de euros.
«É unha zona con moito tráfico diario, especialmente nos fins de semana con competicións deportivas», sinalou o rexedor. O proxecto, cun custo de licitación de case 224.000 euros, busca reorganizar o tráfico e aumentar o número de prazas de aparcamento.
A modificación inclúe a creación de novas entradas e saídas e unha reestruturación das prazas existentes, incrementando o total en 35 espazos. A nova disposición contará con 263 prazas para turismos, 8 para discapacitados, e 3 para autobuses, ademais de espazos para motos e bicicletas.
A actuación, que ten un prazo de execución previsto de 2 meses, abrangue unha lonxitude de 420 metros e unha superficie total de preto dunha hectárea. As obras inclúen o fresado e rebaixado do firme, a creación de novas beirarrúas e a instalación de sumidoiros para o drenaxe da auga pluvial. Unha vez completadas as tarefas de pavimentación, realizaranse marcas viarias e a instalación de sinais de tráfico.
O proxecto será financiado tanto con fondos municipais como coa colaboración da Deputación de Lugo, e os criterios de adxudicación inclúen a calidade técnica, o prezo e a ampliación do prazo de garantía. Tomé destacou a importancia desta inversión para «mellorar o entorno das instalacións deportivas municipais» e reafirmou o compromiso do Concello coa rexeneración urbana e o benestar da cidadanía. •