O Certame Escolar de Ilustración convida a oscentros de ensino a potenciar a creatividade

A deputada de Cultura Iria Castro, convidou aos centros de ensino a participar na III edicón do Certame Escolar de Ilustración. Foto GPVDL.

A deputada de Cultura Iria Castro instou os centros de ensino a participar na terceira edición do Certame Escolar de Ilustración, organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo no marco do programa IlustrarNÓS. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a creatividade e contribuír ao coñecemento das artes e artistas gráficos entre as xeracións máis novas.
Esta convocatoria está dirixida a alumnas e alumnos de 5º e 6º de Primaria, Secundaria, Bacharelato e ciclos formativos. As e os participantes deberán crear ilustracións sobre a temática “festa”, plasmando vivencias, reflexións ou emocións relacionadas con celebracións e conmemoracións.
Castro explicou que “a participación no certame faise a través dos centros educativos, que xa recibiron as bases e fichas de inscrición”, e recordou que “na última edición presentáronse ao certame máis de 250 traballos, o que confirma que é unha iniciativa que permite traballar a expresión artística nas aulas e achegar ao alumnado a artistas referenciais neste ámbito como o propio Chichi Campos, a quen se dedicou este ano o Día da Ilustración”.
Os traballos que presenten os participantes deberán enviarse ao seguinte enderezo: certame.ilustrarnos@gmail.com, a través dos centros educativos, antes do 6 de maio.
Un xurado composto por persoas relacionadas co mundo da cultura, da edición, da ilustración e da docencia avaliará as obras, tendo en conta aspectos como a relación co tema proposto, a orixinalidade e creatividade na súa interpretación ou a técnica e composición.
As autoras e autores das mellores ilustracións de cada categoría recibirán como premio unha tablet con aplicacións de deseño gráfico e unha colección de libros ilustrados (álbum, banda deseñada, novela gráfica, etc.).
O Certame Escolar de Ilustración é parte do programa IlustrarNÓS, que comezou o pasado 30 de xaneiro, Día da Ilustración, dedicado a Chichi Campos. Este programa tamén inclúe outras actividades cos centros educativos, como obradoiros de creación dun fanzine en aulas de primaria, charlas impartidas pola ilustradora lucense Rebeca Losada en institutos ou a realización de murais en homenaxe a Chichi Campos e Castelao en espazos educativos da provincia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Chantada honra o Día Internacional da Muller coa renomeada Rúa 8 de Marzo

Seguinte Nova

Chantada revitaliza a súa imaxe urbana con axudas da Xunta

Últimas noticias sobre EDUCACIÓN

A %d blogueros les gusta esto: