A XLII Feira do Viño de Quiroga anunciou o seu extenso programa para os días 29, 30 e 31 de marzo, destacando a presenza de Afra Blanco como pregoeira. Afra naceu en Barcelona, pero os seus pais son oriundos de Quiroga, mantendo así unha forte ligazón co noso concello. Como sindicalista de UGT, ten unha dilatada traxectoria, sendo portavoz da sección xuvenil e actualmente responsable de Comunicación na Federación Estatal de Servizos, Mobilidade e Consumo. É coñecida polas súas intervencións en programas televisivos como Espejo Público (Antena 3) e Al Rojo Vivo (La Sexta), así como en La Sexta Xplica. Afra Blanco tamén será a encargada de escoller aos gañadores do tradicional concurso de camisetas.
Os preparativos para este evento emblemático comezaron cun concurso para seleccionar o cartel, gañado por Zeltia Mateo, e un encontro coas bodegas da subzona Quiroga-Bibei e da DO Ribeira Sacra con viñedos ou uvas en Quiroga.
O programa inclúe o concurso de tapas “Val de Quiroga de Tapas”, a exposición de pintura “Contrastes” de Mercedes Mondelo e o desfile da Confraría do Viño de Quiroga, acompañado pola música de O Recanto. O evento rematará cunha actuación de Xisco Feijoo.
O venres haberá unha cata de viños da Ribeira Sacra e un concerto de Mario Colomán & The Clocks Band.
O sábado destacan o certame Celtibérico de Bandas de Gaitas pola mañá e o pregón a cargo de Afra Blanco pola tarde, coa súa participación no concurso de camisetas.
A homenaxe aos viticultores será protagonizada pola escenificación “De pura cepa” de Queimán e Pousa e a música de Cantos da terra, Érbedo e O Recanto, xunto coa disco móbil LB e a Charanga Fuego, que animarán o recinto feiral.
As adegas participantes ofrecerán viños brancos e tintos, incluíndo Alma das Donas, Algueira, Atrium Vitis, EDV Viticultores, Alvaredos-Hobbs, Lar de Ricobao, Ponte da Boga, Rectoral de Amandi, Casa de Outeiro, Val de Quiroga, Adega Gullufre, Pazo de la Cuesta e Adamare Wines. Alan de Val, da DO Valdeorras, será a adega convidada.•