No último Pleno da Deputación de Lugo, aprobouse por unanimidade unha proposta do PSdeG, co apoio do BNG e do PP, na que se urxe á Xunta de Galicia a levar a cabo o desdobramento da totalidade do trazado do corredor Nadela-Monforte para que a provincia de Lugo conte coa AG-22 o antes posible.
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, subliñou a necesidade vital de completar esta importante vía de comunicación, que conectaría o centro da provincia co sur, unha rexión altamente poboada e de gran interese turístico. “Precisamos dunhas boas comunicacións, que agora non temos”, sinalou.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, respaldou a proposta e solicitou a redacción dun proxecto global para executar o desdobramento dos 54 quilómetros restantes. Criticou a política fragmentada da Xunta neste proxecto, que non atende ás necesidades da estrada, unha vía con alto volume de tráfico, tanto de transporte de mercadorías como de turismo.
Rivera Capón recordou os atrasos e atrancos que o proxecto do corredor ven afrontando, citando o exemplo da licitación do tramo A Pobra de San Xiao-Sarria, realizada en 2017 e inaugurada cinco anos despois, así como a prevista para Nadela-A Pobra de San Xiao, anunciada para 2026. O Deputado reivindicou un proxecto que contribúa á seguridade viaria e á vertebración da provincia de Lugo. “Non é a primeira vez que debatemos sobre esta cuestión, pero é moi necesario”, afirmou, destacando que un desdobramento da estrada podería reducir o número de accidentes.
“É fundamental apostar pola mobilidade, os servizos públicos e a economía para acadar un desenvolvemento sostible que garanta as oportunidades no rural e un equilibrio territorial”, concluíu Rivera Capón.•